- O acto terá lugar ás 20:00 horas no Centro Cultural e recoñecerá o esforzo, o traballo e o talento de 30 alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos
O Concello da Guarda celebrará este venres, 16 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural, a gala anual dos Premios de Educación correspondentes ao curso 2025-2026, coa que se busca poñer en valor o esforzo, a dedicación e o talento da mocidade guardesa no ámbito académico.
Durante o acto serán recoñecidos un total de 30 alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos da Guarda.
En concreto, 28 dos recoñecementos corresponderán ao alumnado das distintas etapas educativas: 10 de 6º de Educación Primaria, 8 de 4º da ESO, 5 de ciclos formativos e 5 de 2º de Bacharelato. A estes súmanse dous recoñecementos ao alumnado do Conservatorio Elemental, dando continuidade á iniciativa incorporada na edición do pasado ano para destacar tamén o esforzo e a formación musical.
A gala será un espazo de celebración e recoñecemento colectivo, no que se destaque a importancia da educación como ferramenta de desenvolvemento persoal e social, así como o papel dos centros educativos e das familias no acompañamento da mocidade ao longo da súa traxectoria formativa.
O acto estará aberto ao público, polo que o Concello da Guarda convida á veciñanza a asistir a esta celebración e acompañar o alumnado homenaxeado nunha xornada dedicada ao mérito académico.

