A infancia tomiñesa debate sobre os seus dereitos dixitais

adminON

No pleno celebrado co gallo do Día Mundial da Infancia este 20 de novembro alumnado dos centros educativos de Tomiño defenderon propostas sobre seguridade e benestar dixital

A infancia e mocidade de Tomiño toma a palabra. Máis de cen nenos e nenas de primaria e de secundaria dos centros educativos do municipio foron os protagonistas do Pleno Infantil, celebrado un ano máis coincidindo coa celebración do 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, e no que o Concello dá un paso máis para que Tomiño siga sendo un lugar no que crecer con liberdade, protección e voz propia.

Foi unha sesión dedicada integramente aos dereitos dixitais na que a rapazada do CEIP da Sobrada, CEIP Pedro Caselles, CEIP de Tebra, CEIP de Barrantes, CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián e do IES Antón Alonso Ríos que converteron este pleno nun espazo vivo, diverso e participativo que contou tamén coa presenza de representantes das ANPAS e da Corporación municipal.

A temática non foi escollida ao azar, senón que recolleron a estela do debate e traballo sobre os dereitos dixitais feito polos integrantes do grupo de participación infantil e xuvenil de Tomiño, Voces Novas, no Encontro Autonómico celebrado hai unhas semanas en Nigrán e que este venres levarán de novo ao Parlamento para fondar sobre as propostas elaboradas colectivamente.

Durante o pleno, os escolares expuxeron demandas claras: máis formación para persoas adultas como familia e profesorado e incluso para elas e eles mesmos e máis información accesible desde as propias redes do Concello. Ademais, compartiron compromisos persoais para facer da esfera dixital un espazo seguro, responsable e respectuoso.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, celebrou a madurez e valentía das intervencións: “Volvemos comprobar que a infancia non só ten voz, senón que ten criterio, propostas e unha mirada limpa que deberiamos escoitar sempre. Falan con claridade do que necesitan e tamén do que están dispostos a asumir. Iso é participación real e así constrúese cidadanía”. Tomiño, Cidade Amiga da Infancia e Adolescencia dende 2019, reafirma cada ano o seu compromiso coa cativada e a mocidade, “porque cando estamos coidando ás nosas nenas e nenos estamos construíndo unha sociedade máis xusta, máis solidaria e máis feliz”.

Comparte este artigo