A Policía Local do Porriño incorporará catro novos axentes para reforzar a seguridade cidadá

Redacción
  • O Concello confía en que o aumento do persoal axude a evitar actos de vandalismo como os rexistrados no río Louro esta fin de semana 

A Policía Local do Porriño sumará catro novos axentes ao seu equipo grazas ás prazas habilitadas na Relación de Postos de Traballo (RPT) trala aprobación do orzamento municipal. Con este reforzo policial, o Concello busca mellorar a seguridade no municipio e evitar que se repitan actos de vandalismo  como os destrozos causados nunha pasarela do río Louro esta fin de semana. 

As incorporacións, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, “faranse do xeito máis axil posible”, de feito, aprobouse xa un convenio de colaboración coa  Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia para convocar este novo proceso selectivo no servizo. 

En total serán catro prazas coas que o Concello “quere reforzar a seguridade no municipio”, explica Lorenzo que destacou o importante labor que realizan os 19 axentes que compoñen o servizo  ao tempo que apuntou que, cunha poboación en constante crecemento e un municipio en plena expansión, resulta imprescindible reforzar o corpo policial.

Fixo estas declaracións xunto ao Concelleiro de patrimonio parroquial e rural, Marcos Martínez durante a visita ao arranxo dunha  das pasarelas do Paseo do Louro que amenceu este domingo destrozada tras “uns actos vandálicos totalmente reprochables e que non imos a permitir”, apuntou. A pasarela está a ser reparada de novo.

Ademais, esa mesma madrugada vandalizouse tamén unha mesa neste mesmo paseo e arrancaron flores na rúa peonil do Porriño. 

Estes reforzos na plantilla servirán tamén para aumentar a presencia de axentes en zonas de lecer nocturno ou de especial atención 

Lorenzo quixo poñer en valor “a profesionalidade e proximidade do equipo actual da Policía Local” e  reafirmou o compromiso do goberno municipal para seguir dotando ao corpo dos medios humanos e materiais necesarios para manter a orde pública, a seguridade viaria e a convivencia cidadá.

Comparte este artigo