A Praza de Abastos da Guarda acolle este mércores un showcooking da campaña “Pesca Saúde”

Redacción
  • A actividade, de balde e aberta ao público, celebrarase ás 11:30 horas e supón a segunda parada do proxecto impulsado polo GALP Ría de Vigo – A Guarda

A Praza de Abastos da Guarda acollerá este mércores, 8 de xullo, unha demostración de cociña en vivo con peixe e mariscos dentro do proxecto Pesca Saúde, unha iniciativa impulsada polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) para promover o consumo de produtos do mar e fomentar hábitos de alimentación saudables.

A actividade, que comezará ás 11:30 horas, estará dirixida pola responsable da cociña do restaurante O Cangrexal, que elaborará en directo diferentes receitas con produtos pesqueiros de proximidade que posteriormente poderán degustar as persoas asistentes. As persoas que o desexen poden reservar a súa praza en i.gal/showcooking ata completar a capacidade.

Esta cita supón a segunda parada de Pesca Saúde na Guarda. O municipio xa participou nesta campaña o pasado mes de abril coa celebración dunha xornada divulgativa, no Centro de Saúde, sobre os beneficios do consumo de peixe e marisco para a saúde na que se ofreceron degustacións de produtos do mar, material divulgativo e información sobre as súas propiedades nutricionais. Con esta nova acción, o proxecto continúa achegando á veciñanza propostas que combinan divulgación, gastronomía e promoción dos produtos pesqueiros de proximidade.       

O ‘showcooking’ da Guarda forma parte dun programa que durante o mes de xullo percorrerá sete vilas galegas con demostracións culinarias en prazas de abastos, mercados municipais e locais asociativos, achegando á cidadanía receitas sinxelas, saborosas e saudables elaboradas con peixe e marisco galegos.      

Durante a xornada tamén se celebrarán sorteos de degustacións de produto pesqueiro entre as persoas que participen na campaña depositando os seus tíckets de compra nos buzóns de Pesca Saúde. Ademais, os asistentes recibirán vales desconto de 5 euros para utilizar nas peixerías adheridas á iniciativa, cuxa validez foi ampliada ata o vindeiro 31 de xullo.

Comparte este artigo