Abastecemento de auga, dragaxe do Lérez, liberación dos terreos na Xunqueira da Gándara, así como a situación do ensino e a sanidade marcarán a axenda política do BNG no novo curso político

Redacción

Luís Bará esixe o cese do Conselleiro de Emprego

O deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, marcou hoxe as grandes liñas de actuación do BNG no curso político que agora principia, e que teñen a ver co abastecemento de auga, o impulso á dragaxe do Lérez, a liberación dos terreos que a Xunta okupa na xunqueira da Gandara,nos problemas do ensino e da sanidade.

Bará lembrou que este vai ser un curso político especialmente intenso, marcado polas eleccións municipais e xerais que terán lugar o vindeiro ano, e que o BNG centrará a súa acción política en dar resposta ás preocupacións da xente: o incremento descontrolado do custe da vida e o deterioro acelerado dos servizos públicos esenciais como son a sanidade, o ensino e os coidados. Neste sentido “o BNG vai intensificar o labor de oposición e control da Xunta, mais
tamén fará valer o seu papel de alternativa fronte ao desgoberno dun PP absolutamente entregado ás ordes que lle mandan desde a rúa Xénova”.
No que fai referencia á comarca de Pontevedra-Caldas citou como prioridade:

  1. O abastecemento de auga. Neste ámbito o BNG fará fincapé na proposta de ente para a xestión mancomunada, atrancado desde o ano 2023, e na incompatibilidade de ENCE nun contexto recorrente de escaseza de auga no Lérez. Neste sentido “denunciamos o contubernio PP-ENCE, co lavado de imaxe da empresa por parte da Xunta e do reforzo da alianza por ordes directas de Rueda, que é o valedor da pasteira no Consello da Xunta, ademais das conselleiras de Medio Rural e Medio Ambiente”, afirmou Bará.
  2. O impulso da dragaxe do Lérez, un proxecto anunciado hai 25 anos e que foi paralizado e adiado pola Xunta, agora pendente dunha nova caracterización e de resolver a cuestión de a onde se levan os materiais. O BNG seguirá apostando por un tratamento en terra, que ademais de viábel é o desexábel.
  3. No que se refire ao ensino, o BNG fará seguimento das principais demandas da comunidade escolar da comarca, tanto no que se refire a infraestruturas como a profesorado e servizos complementarios (comerdor, transporte, plan Madruga…), e manterá proximamente unha reunión coa Federación de ANPAS de Pontevedra para analizar polo miúdo estas cuestións.
  4. A respeito da sanidade, “faremos un seguimento da situación de deterioro da atención primaria e en urxencias, un problema xeral agravado este verán, debido á precarización e privatización levadas a cabo polas políticas do PP desde o 2009”, afirmou Bará.
    En relación co Novo Montecelo, o BNG pedirá respostas e responsabilidades sobre:
  • O sobrecusto das obras do Novo Montecelo, que foron adxudicadas en 121 millóns e que, segundo as nosas estimacións, van superar os 200 millóns.
  • O prazo da execución da obra era de 42 meses e remataba en 2024. Levamos pois case dous anos de retraso e a obra non estará rematada até o 2027.
  • A previsión de entrada en funcionamento do Novo Montecelo. Segundo o contrato de licitación do traslado anunciado en xullo, a previsión da duración deste contrato (aínda sen adxudicar) é de 9 meses.
  • O orzamento e o prazo previsto de adxudicación e remate das obras de reforma do actual Hospital Montecelo.
    A respeito do Hospital provincial, o BNG interesarase por coñecer as previsións da Xunta sobre a continuidade da actividade sanitaria no Hospital Provincial, e polas obras que ten previsto levar a cabo para a súa conservación e mellora. “A continuidade do uso sanitario do Hospital
  • Provincial obriga a levar actuacións de mellora dunha instalación que non son acordes con unha atención de calidade, como é o caso da psiquiatría.
    Cese do Conselleiro de Emprego
    Ademais dos grandes eixos de actuación do BNG no novo periodo, o BNG non quixo deixar pasar a presenza hoxe en Moraña do conselleiro de emprego na entrega dos premios á responsabilidade empresarial, despois de coñecerse a multa da inspección de Traballo á súa empresa familiar por explotar inmigrantes sen papeis. “Este é o exemplo que dá a Xunta de responsabilidade social e empresarial?”, preguntouse o deputado nacionalista.
    Luís Bará foi contundente: “O señor González non pode seguir un minuto máis á fronte desta consellaría e, xa que polo que parece non ten intención de dimitir, esiximos a Rueda o seu cese fulminante se non quere ser cómplice dos seus chanchullos”
Comparte este artigo