A ribeira de Caldelas será o escenario desta proba deportiva organizada por AGRUDEBAM
Nun entorno natural privilexiado, a carón do río Miño, como á e ribeira de Caldelas mañá xoves e o venres vaise celebrar o Campo a Través de Tui. Trátase dunha competición deportiva organizada por AGRUDEBAM, coa colaboración do Concello de Tui, a Secretaría Xeral para o Deporte, a Consellería de Medio Ambiente e a Comunidade de Montes de Caldelas.
A proba foi presentada esta mañá na mesma ribeira de Caldelas por Rafael Estévez, concelleiro de Deporte de Tui, Beatriz González, presidenta de AGRUDEBAM, Alfonso Lorenzo, expresidente de AGRUDEBAM, Manuel González, profesor de Educación Física no CEIP de Caldelas, Iria e Martín, alumnado do CEIP de Caldelas, e Carlos Eiras, técnico de Medio Ambiente.
O concelleiro de Deporte de Tui, Rafael Estévez, agradeceu a AGRUDEBAM, o labor que realizan coa organización desta e outras probas deportivas ao longo do ano como promoción do deporte base. Aproveitou para felicitalos polo Premio Deporte Galego 2025 na categoría de entidade na promoción do deporte base que recibirán o próximo 29 de outubro en Lugo.
Alfonso Lorenzo detallou a participación neste evento deportivo de 1.900 alumnos e alumnas da práctica totalidade dos centros educativos de Tui, Tomiño, O Rosal e Salceda de Caselas. Destacou que este ano baten récord de inscritos no alumnado de Secundario. Beatriz González, presidenta da AGRUDEBAM, amosou o agradecemento a todas as persoas e entidades que fan posible a celebración da proba. Carlos Eiras, técnico de Medio Ambiente, resaltou a importancia da práctica deportiva na natureza, o que permite ao alumnado facer deporte e coñecer tamén esta contorna natural da ribeira de Caldelas. Dende o CEIP de Caldelas Manuel González, profesor de Educación Física, salientou pola súa banda como ao alumnado gusta deste deporte e o ilusionados que están por poder acoller esta competición na súa casa. No mesmo senso se pronunciaron Iria, alumna de 6º, Martín, alumno de 5º de Primaria, que amosaron a súa satisfacción por poder practicar deporte, compartir esta proba cos seus amigos e co alumnado doutros centros educativo, e o especial que é participar nesta competición na súa localidade.
Mañá xoves a competición comezará ás 10.15 h co alumnado de 2º de Educación Primaria, ás 11.30 h serán as probas para 3º de Primaria, ás 12.30 h para 4º de Primaria. Xa o venres ás 10 h será a competición de 1º e 2º da ESO, ás 11 h de 5º de Primaria, pecharán a proba ás 12 h o alumnado de 6º de Primaria.
Participará alumnado do CEIP nº1, nº2, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, e Rebordáns, dos IES Indalecio Pérez Tizón e San Paio, de Tui, do CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal, do CEIP de Antonio Fernández de Goián, Barrantes, Pedro Caselles, Sobrada, Tebra, e o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño; do CEP Altamira e do IES Pedra Rubias de Salceda; e do CEIP Neira Vila de Gondomar.

