Fran Sieira presenta con Caamaño&Ameixeiras “BenQuerer” este venres no Teatro Municipal

Redacción

É un espectáculo de música e danza este venres no Teatro Municipal de Tui con “BenQuerer”

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, 23 de outubro, ás 21 h o espectáculo “BenQuerer”, no que o bailarín Fran Sieira e o dúo musical Caamaño&Ameixeiras conxugarán música e baile nunha peza íntima e emocional. Será ao abeiro da programación teatral de outono.

Querer, querer ben e quererse ben son algúns dos termos nos que afonda este novo espectáculo de Fran Sieira, que ofrece o resultado dun proceso creativo persoal e íntimo, onde a través do seu propio relato convida a reflexionar sobre a importancia do autocoidado emocional, o amor propio e a necesidade de baixar o ritmo.

“BenQuerer” cuestiona que é quererse ben a un mesmo, a través dalgúns interrogantes como: É posible benquerer a outras persoas sen quererse ben? Certas cuestións que se abordarán sobre o escenario con elementos cargados de significado.  

Fran Sieira ofrecerá así un só de danza acompañado en directo coa música do dúo galego conformado por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras.

A compañía de danza Fran Sieira visita por vez primeira o Teatro Municipal de Tui. Dende a súa creación no ano 2017 fundamenta o seu traballo nunha revisión do folclore galego dende unha perspectiva contemporánea. O baile tradicional galego ten protagonismo nesta compañía, e funciona como o seu mecanismo de expresión. Fran Sieira, bailador dende os 8 anos, e cunha ampla traxectoria, asume nesta ocasión o primeiro so de danza da compañía.

Pola súa banda, o dúo Caamaño&Ameixeiras está ligado á música e ao baile de raíz. Sabela Caamaño, no acordeón cromático, e Antía Ameixeiras, voz e violín, uníronse en 2018 e, dende entón, contan cunha intensa traxectoria. Conseguen crear unha linguaxe propia e única. Caamaño&Ameixeiras foron Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría Folk e 1º Premio no Folkez Blai 2021, en Ermua, entre outros galardóns.

As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 12€ e 9€ até 10 minutos antes do inicio do espectáculo.

Comparte este artigo