Soutomaior recepciona a nova praza de Talo Río, un espazo renovado, accesible e pensado para as persoas

Redacción

O Concello culmina a transformación deste espazo central de Arcade cun investimento de 1,2 millóns de euros, financiado con fondos propios e a través do Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra.

O Concello de Soutomaior recepcionou hoxe a nova praza de Talo Río, en Arcade, nun acto no que participaron o alcalde, Manu Lourenzo, e a secretaria municipal, María Jesús Rodríguez. A veciñanza xa pode desfrutar deste espazo renovado, que transforma unha zona céntrica da vila nun lugar máis accesible, moderno, verde e humanizado.

A actuación permitiu renovar por completo a praza, resolver problemas existentes no subsolo e mellorar a accesibilidade, eliminando barreiras arquitectónicas para facilitar o uso do espazo público por parte de toda a cidadanía. Ademais, a intervención abordou a separación das redes de saneamento, dando resposta a problemas previos que tamén tiñan incidencia ambiental.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia desta intervención para a transformación urbana de Arcade e recoñeceu que os traballos tiveron que afrontar dificultades que non eran visibles antes de iniciar a obra. «Cando levantamos a praza atopámonos con problemas no subsolo que nos obrigaron a afrontar traballos adicionais e que fixeron que as obras se demoraran algo máis do previsto. Pero era necesario resolver esas cuestións para que o resultado final estivese á altura do que merece a veciñanza», explicou.

Lourenzo subliñou que «hoxe recibimos unha praza completamente renovada, con materiais de calidade, máis accesible, con espazos verdes e pensada para que as persoas poidan vivila e compartila. O que queremos é que todo o mundo poida desfrutar dela, que sexa un lugar de encontro e convivencia e que tamén contribúa a mellorar a actividade dos negocios da contorna».

O rexedor engadiu que esta actuación forma parte do obxectivo municipal de avanzar cara a un centro urbano máis amable, no que o espazo público estea pensado para as persoas, mellore a calidade de vida e favoreza unha relación máis próxima entre a veciñanza e o comercio local.

A renovación da praza de Talo Río supón un investimento de arredor de 1,2 millóns de euros, financiado mediante o Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra, que achega 700.000 euros, e fondos propios do Concello de Soutomaior.

Con esta intervención, Arcade incorpora un novo espazo urbano que combina a mellora estética coa resolución de problemas estruturais, ambientais e de accesibilidade, avanzando cara a un modelo de vila máis sostible e centrado nas necesidades cotiás da cidadanía.

Coincidindo coa apertura deste espazo á veciñanza, o Concello de Soutomaior programou para esta fin de semana varias actividades culturais e de lecer que permitirán encher de vida a nova praza de Talo Río.

Sábado, 24 de outubro

11:30–12:30 h. Obradoiro de maxia co Mago Teto, no local social de maiores, dirixido a persoas maiores de 55 anos, ata completar aforo.

17:30 h. GaleRock no Camiño, espectáculo familiar que combina maxia e rock en directo.

19:30 h. Desconcerto, concerto de versións de pop e rock para todos os públicos.

Domingo, 25 de outubro

12:30 h. Concerto da Banda Artística de Arcade.

O Concello convida a toda a veciñanza a achegarse a Talo Río, coñecer o resultado da renovación e participar nas actividades programadas para comezar a desfrutar deste novo espazo de encontro no corazón de Arcade.

A actividade na nova praza de Talo Río continuará tamén a vindeira semana coa celebración do Samaín en Soutomaior, que volverá encher de ambiente as rúas e os espazos públicos de Arcade. Deste xeito, a praza comezará a súa nova etapa como un lugar de encontro e convivencia, acollendo propostas culturais e festivas para todos os públicos e convidando á veciñanza a facela súa.

Comparte este artigo