O programa que executou durante o 2024 a asociación Amizade, consistiu en ofrecer servizos e actividades dirixidos á mellora da calidade de vida e da autonomía persoal das persoas con discapacidade da comarca.
Segundo o censo da Consellería de Política Social e igualdade da Xunta de Galicia, durante o 2023 houbo censadas 94.639 persoas con discapacidade na provincia de Pontevedra. Trátase pois, dun número de persoas de considerable relevancia como para telo en conta nas políticas sociais públicas.
Este programa, coordinado por unha educadora social, chegou a máis de 80 persoas da comarca de Pontevedra con discapacidade física, intelectual, sensorial, orgánica ou mixta, así como as súas familias e a contorna na que desenvolven as súas actividades diarias.
Dentro dos servizos e actividades máis demandadas da asociación, atópanse incluidas neste programa actividades como saídas de ocio, servizo de información e asesoramento, obradoiro de ocio, reunións de empoderamento das mulleres con discapacidade, entre outras.
Tamén se realizaron actividades encamiñadas á concienciación e sensibilización social, como son as charlas de sensibilización en colexios, reunións de incidencia política, realización dunha xornada multideportiva accesible e un servizo de asesoramento en accesibilidade para quen o precise.
Este programa puidose materializar por mediación de Cogami e grazas á financiación da Xunta, procedente dos fondos do 0,7% do IRPF, é dicir, das aportacións das persoas que marcaron a X no recadro de “actividades de interese social”.
O presidente de Amizade, Paulo Fontán, recalca a importancia do traballo das asociacións para a defensa e a loita polos dereitos das persoas con discapacidade, e anima a todas as persoas a que se fagan socias das distintas entidades, de maneira que respalden e apoien o seu traballo e o seu peso representativo.
Amizade creouse no ano 1988 a través dun grupo de persoas con discapacidade que deciden crear na comarca unha asociación co obxectivo de poder defender os seus intereses individuais e colectivos.
A asociación Amizade forma parte da Confederación Galega de persoas con discapacidade (COGAMI).

