- O prazo de prematrícula continúa aberto ata o 31 de xullo, con 132 novas prazas públicas de Educación Infantil de 0 a 3 anos
O Pleno do Concello do Porriño aprobou este mércores en sesión extraordinaria a adxudicación do servizo público das escolas infantís municipais de Pontellas e Budiño. Este contrato é clave para a conciliación familiar no municipio e conta cun orzamento total de 3.179.098,24 € € (IVE incluído) para os vindeiros catro anos, coa posibilidade de prorrogarse por un ano máis. Garantízase así a posta en marcha destas dúas infraestruturas municipais.
Estas novas escolas permitirán ofrecer 132 novas prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, reforzando a rede municipal e apoiando a conciliación da vida familiar e laboral.
“O noso compromiso de dotar a todas e cada unha das parroquias do Porriño de servizos públicos e de calidade segue sendo firme e materializándose nestes proxectos, ou no futuro centro de día de Atios”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, apuntando que o municipio prioriza os servizos de conciliación e a educación de calidade que deben chegar a todas as familias, vivan onde vivan”.
Neste senso, animou a cidadanía a que elixan estas novas instalacións para dar os primeiros pasos educativos dos seus fillos e fillas, subliñando que “estas escolas son ao mesmo tempo un espazo de aprendizaxe e unha ferramenta de conciliación”.
En ambas escolas infantís, permanecen abertos os prazos de prematrícula. As familias interesadas poderán presentar a súa solicitude a través do Rexistro Xeral do Concello do Porriño ou da Sede Electrónica municipal.
As dúas escolas infantís municipais ofrecerán unha atención educativa dirixida a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, contribuíndo á conciliación da vida familiar e laboral e garantindo un servizo educativo de proximidade e calidade. Coa incorporación das novas escolas de Pontellas e Budiño, o Concello amplía de maneira significativa a oferta pública de prazas para o primeiro ciclo de Educación Infantil.
Escola Infantil de Pontellas
No caso da nova escola infantil de Pontellas, crearanse 66 novas prazas públicas de Educación Infantil de 0 a 3 anos, reforzando a rede municipal e dando resposta á crecente demanda das familias.
En canto ao investimento económico, a achega do Concello do Porriño ascende a preto de 385.000 euros, distribuídos en 25.000 € para equipamento e case 360.000 € para obras.
A escola infantil de Pontellas está situada no lugar da Igrexa, na antiga escola unitaria desta parroquia, que foi rehabilitada e ampliada para albergar así as cinco aulas das que dispón, ademais de vestíbulo, oficina, sala multiusos, aseos, vestiario, despensa e cociña. A superficie construída é de 442,56 metros cadrados, dentro dun solar cunha superficie bruta total de 4.321,98 metros cadrados.
Escola Infantil de Budiño
A escola infantil localizada na parroquia de Budiño é, en cambio, totalmente de nova construción. Levantouse nun solar cunha superficie total de 2.982,41 metros cadrados, que na actualidade se atopaba sen edificar.
La parcela sitúase na zona do polígono das Gándaras, nunha área de transición entre a industria e o núcleo rural adxacente. Así pois, como se recolle no anteproxecto, a nova edificación preséntase como “un espazo de transición entre dous mundos”. Ocupa 513,10 metros cadrados.

