O alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, visitaron esta mañá os traballos, que permitirán transformar a actual pista de tenis en tres novas pistas de pádel e mellorar o conxunto do espazo deportivo.
As obras de reforma e instalación das tres novas pistas de pádel da Montesiña avanzan xa sobre o terreo. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, visitaron esta mañá os traballos para comprobar a evolución dunha actuación que supón un investimento superior aos 250.000 euros e que permitirá ampliar de maneira significativa a oferta deportiva municipal.
O proxecto, adxudicado á empresa Suministros Integral del Agua S.L., conta cun prazo de execución de tres meses e medio e está financiado ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.
A intervención permitirá transformar a actual pista de tenis da Montesiña en tres novas pistas de pádel, dando resposta á crecente demanda desta modalidade deportiva e incrementando a capacidade das instalacións municipais para acoller adestramentos, actividades, torneos e competicións.
Ademais da creación das novas pistas, o proxecto contempla a ampliación da bancada lateral e da cuberta existente, adaptándoas ás novas dimensións da superficie deportiva. Tamén se executará unha nova bancada de formigón con asentos revestidos de madeira e realizaranse os correspondentes traballos de cerramento e adecuación do espazo.
O obxectivo é dotar a Montesiña dunhas instalacións máis modernas, cómodas, seguras e funcionais, mellorando tanto as condicións para a práctica deportiva como o aproveitamento dun dos principais complexos deportivos do municipio.
O alcalde, Manu Lourenzo, destacou durante a visita que “é unha satisfacción comprobar que esta actuación xa está avanzando e que comezamos a ver como se fai realidade un proxecto moi demandado pola veciñanza. Estamos investindo máis de 250.000 euros para pasar dunha pista de tenis a tres novas pistas de pádel e, ao mesmo tempo, mellorar o conxunto deste espazo deportivo”.
Lourenzo subliñou que “desde o Goberno municipal temos claro que investir en deporte é investir en saúde, convivencia e calidade de vida. Queremos que a veciñanza de Soutomaior dispoña de instalacións modernas, accesibles e preparadas para responder á actividade deportiva que existe no noso municipio”.
“Soutomaior conta cunha importante actividade deportiva e as infraestruturas teñen que medrar ao mesmo ritmo que as necesidades das persoas que as utilizan. Esta actuación é unha nova mostra do noso compromiso coa mellora dos equipamentos públicos e coa promoción do deporte para todas as idades”, engadiu o alcalde.
Máis espazos para practicar deporte
O complexo deportivo da Montesiña constitúe unha das principais zonas deportivas do municipio. Unha vez rematados os traballos, a nova configuración permitirá incrementar de maneira significativa a capacidade para a práctica do pádel, así como mellorar as condicións para a organización de adestramentos, actividades e competicións.
Con esta actuación, o Concello de Soutomaior continúa avanzando na mellora e modernización das infraestruturas deportivas municipais, ampliando a oferta de espazos destinados á actividade física e ao lecer deportivo para toda a veciñanza.

