Dende o 20 de xullo e ata finais de agosto, Salvaterra de Miño volverá converterse nun referente cultural cunha ampla programación de actividades para todas as idades, mantendo as citas máis consolidadas e incorporando novas propostas.
A Concellería de Cultura do Concello de Salvaterra de Miño presenta o Verán Cultural 2026, unha programación pensada para que veciños, veciñas e visitantes poidan gozar dun verán cheo de cultura, música, tradición, lecer e actividades familiares.
Como cada ano, a programación combina eventos xa consolidados con novas iniciativas, ofrecendo propostas dirixidas a públicos de todas as idades. Os máis pequenos e pequenas volverán contar cunha programación específica, mentres que a música, o teatro, o cinema ao aire libre, os espectáculos familiares e as actividades participativas encherán as rúas e as diferentes parroquias do municipio.
As tradicionais Noites de Teatro de Dramiño volverán percorrer as parroquias do concello, achegando o teatro ao aire libre e converténdose nun dos sinais de identidade do Verán Cultural.
Entre as citas máis esperadas destacan tamén eventos xa imprescindibles como O Mundo a Danzar, O Son da Muralla ou Imos de Guateque, que ano tras ano continúan medrando e consolidándose como referentes culturais tanto para a veciñanza como para o público chegado doutros municipios.
A música volverá ser unha das grandes protagonistas da programación, xunto coas actividades infantís, o cinema, os espectáculos familiares, as exhibicións e outras propostas que buscan dinamizar o municipio durante todo o verán.
Como broche final, a LXVII Festa do Viño do Condado do Tea volverá converter a Salvaterra de Miño na capital vitivinícola da comarca, reunindo durante toda a semana tradición, gastronomía, promoción dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, actividades enogastronómicas, concertos e unha ampla oferta cultural para todos os públicos.
Nos próximos días chegará aos fogares a programación completa do Verán Cultural 2026, que tamén poderá consultarse a través das canles oficiais do Concello de Salvaterra de Miño e nas imaxes que acompañan esta presentación. Ademais, habilitarase acceso prioritario para os nenos e nenas con diversidade funcional ou con necesidades específicas de apoio durante as actividades, previa solicitude no Concello, co obxectivo de favorecer a súa participación e garantir un acceso máis inclusivo á programación.
Agardámosvos este verán en Salvaterra de Miño para vivir xuntos un novo Verán Cultural!

