- Este ano amplíase a oferta a 22 visitas semanais, repartidas de martes a sábado con 4 quendas e o domingo con 2 saídas
O Monte Santa Trega é o recurso máis destacado da Guarda polos seus valores patrimoniais, relixiosos e paisaxísticos e o Padroado Municipal de Santa Trega organiza unha temporada máis as visitas guiadas ao Castro Santa Trega para que as persoas visitantes e a veciñanza poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte.
Hai uns 15 anos que se ofrecen as visitas guiadas e neste 2026 houbo modificacións como a ampliación da oferta das visitas guiadas regulares dende a Semana Santa. A pesar de que na primavera hai un maior número de peticións de visitas concertadas a grupos e, en especial, dos centros escolares, tamén houbo visitas regulares para as persoas interesadas.
Rematado o curso escolar e dada a maior afluencia de visitantes ao Monte Santa Trega retómase a oferta de visitas guiadas regulares. O público habitual son turistas e visitantes nacionais que pasan as súas vacacións en Galicia. Ademais tamén realizan esta visita veciños e veciñas da Guarda e da comarca con interese na historia e paisaxe do Monte Santa Trega e outros acompañan a familia e amigos que visitan a nosa vila.
Dende o 23 de xuño ata o 13 de setembro, amplíase a oferta con 22 visitas semanais repartidas de martes a sábado con 4 quendas ao día (11:00, 12:30, 17:30 e 19:00 horas) e o domingo con visitas ás 11:00 e 12:30 horas. Deste xeito, as persoas visitantes interesadas terán a oportunidade de coñecer a cultura castrexa e a nosa paisaxe.
O punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal e a visita percorre menos de 1 km polas diferentes áreas escavadas durante os últimos cen anos, incluíndo a zona norte coas vivendas reconstruídas e a muralla ata a zona de Mergelina, na ladeira ao río Miño. A duración aproximada da visita é de 45 minutos pero sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega.
Estas visitas guiadas non precisan reserva previa e son gratuítas pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público. Como estes meses son de gran afluencia si se recomenda chegar uns 10 minutos antes do inicio, tendo en conta que pode haber algunha retención en taquilla.
Os horarios destas visitas guiadas poden sufrir algunha cancelación ou modificación. Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no teléfono 690 01 70 38 ou un correo electrónico masat@aguarda.es.

