Covelo será por primeira vez a sede da IX Concentración Moteira Ordas do Sur, un evento solidario e aberto a toda a veciñanza.

Redacción

Do 31 de xullo ao 2 de agosto, o municipio converterase no punto de encontro de centos de moteiros chegados de Galicia, do resto de España e de Portugal.

O Concello de Covelo colaborará esta fin de semana na celebración da IX Concentración Moteira Ordas do Sur, unha cita que se celebrará por primeira vez no municipio e que reunirá durante tres días a centos de afeccionados ao mundo das dúas rodas procedentes de Galicia, do resto de España e de Portugal.

A programación desenvolverase entre o venres 31 de xullo e o domingo 2 de agosto e está aberta tanto ás persoas participantes na concentración como á veciñanza e visitantes que desexen compartir un evento que combinará motor, música, convivencia, solidariedade e homenaxe.

A concentración arrancará na tarde do venres coa recepción dos participantes na Carballeira do Campo da Feira, espazo que será o centro neurálxico da concentración durante toda a fin de semana. A xornada inaugural completarase cunha sesión musical con DJ para dar a benvida aos asistentes.

O sábado 1 de agosto concentrará boa parte das actividades. Ás 12:00 horas, coincidindo coa celebración da Mostra de Artesanía e Segunda Man, organizada polo Concello de Covelo, a Praza Mestre Cerviño acollerá unha exposición de motocicletas organizada pola asociación Ordas do Sur, onde poderán contemplarse modelos chegados de diferentes puntos de España e Portugal.

Pola tarde celebrarase a tradicional ruta moteira, que partirá de Covelo e fará parada nas parroquias de Barcia de Mera e Godóns, coincidindo coa celebración das súas festas patronais, favorecendo así o encontro entre os participantes da concentración e a veciñanza destas localidades.

Ao regreso da ruta, arredor das 18:30 horas, terá lugar un dos momentos máis significativos da fin de semana coa descuberta dun monumento en homenaxe ás persoas falecidas en accidente de motocicleta, situado na zona do parque, xunto ao Centro de Saúde e ao lavadoiro municipal.

Este espazo nace coa vocación de converterse nun lugar permanente de recordo e encontro para os moteiros que visiten Covelo. O acto incluirá tamén unha ofrenda floral en memoria das vítimas, nunha homenaxe cargada de simbolismo para o colectivo moteiro.

A partir das 21:00 horas, a actividade continuará novamente na Carballeira do Campo da Feira cunha noite de música en directo El Tren, banda tributo a Leño e Rosendo, e Mala Hierba, tributo a Héroes del Silencio. A programación completarase con sesión de DJ, servizo de comida e bebida e diferentes sorteos organizados pola asociación.

Ademais do seu carácter lúdico, a concentración terá tamén un importante compoñente solidario. A asociación Ordas do Sur realizará un donativo á asociación Bicos de Papel, entidade que presta apoio aos nenos e nenas oncolóxicos e ás súas familias no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, contribuíndo así a unha causa social de grande relevancia.

A IX Concentración Moteira Ordas do Sur concluirá o domingo coa despedida dos participantes e o peche desta edición.

Desde o Concello de Covelo anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse e participar nas distintas actividades programadas, xa que se trata dun evento aberto a toda a cidadanía que, ademais de dinamizar a actividade social e económica do municipio, permitirá dar a coñecer Covelo a centos de visitantes que descubrirán durante esta fin de semana o patrimonio, a paisaxe e a hospitalidade do noso concello.

Comparte este artigo