Dá un alento de verán doando sangue este martes 30 de xuño en Goián

Redacción

A unidade móbil da Axencia Galega de Doazón estará na parada de bus na Carballeira de 16.00 a 21.00 h

Este verán dá un alento de vida sumándote á campaña da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue. Unha unidade visitará Goián este martes 30 de xuño para abrir as súas portas ao público que desexe doar na parada de bus da Carballa de 16.00 a 21.00 horas. O verán é a época máis complicada do ano para manter o nivel de doazóns, polo que ADOS fai un chamamento para acadar as 22.000 doazóns que se precisan nos centros sanitarios para axudar a preto de 6.500 doentes que requiren tratamento con compoñentes de sangue durante estas datas.

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades.

Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen.

Dende a Axencia lembran que as mulleres poden doar 3 veces ao ano e os homes catro e que cada doante que achega a súa pinga solidaria desde os 18 aos 65 anos podería salvar a máis de 500 persoas. As persoas interesadas en doar deben lembrar que só poden doar os maiores de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.

Comparte este artigo