• O líder do PP considera “inaceptable que Lores destine máis de 100€ a cada viaxe do Coche de Punto, mentres recorta en gasto social, instalacións deportivas, seguridade cidadá e iluminación pública”
• O xefe da oposición reitera a súa aposta por un modelo de transporte urbano gratuíto, sostible e eficiente, baseado no reforzo das liñas de autobuses existentes e unha rede de carrís bici
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, cuestionou o investimento económico realizado polo Goberno local do Bloque Nacionalista Galego, durante a última década, para a posta en marcha definitiva do servizo de transporte a demanda entre o centro urbano e o rural: “Ao Concello custaríalle menos contratar unha limusina para trasladar aos veciños ás súas parroquias que utilizar o sistema actual do Coche de Punto que, se alcanza as 3.000 viaxes ao ano, tería un custo de 100 euros por desprazamento para as arcas municipais”.
O xefe da oposición denunciou que, desde que os nacionalistas presentaron o seu proxecto estrela de mobilidade en 2015, perdéronse recursos económicos e tempo útil para mellorar o transporte público na cidade, coa implementación de autobuses lanzadeira para reforzar as liñas que existen na actualidade e que, o PP local, defendera no seu programa electoral para as eleccións á alcaldía de 2023.
“A pesar do investimento realizado estes 10 anos, a demanda do servizo no primeiros catro meses de funcionamento, cando aínda era gratis, foi mínima”, lamentou antes de cuestionar a asignación orzamentaria de 306.350,00€ para o Coche de Punto nos orzamentos municipais de 2025, que se suma a un gasto global de 571.273,97€ para o plan do transporte metropolitano e a demanda.
Domínguez afirmou que “é inaceptable que Lores destine máis de 100 euros a cada viaxe do Coche de Punto, mentres recorta en gasto social, instalacións deportivas, seguridade cidadá e iluminación pública”.
Por iso, o partido máis votado da cidade presentou un escrito no Rexistro municipal, o 20 de febreiro, para recibir explicacións detalladas sobre a rastrexabilidade das viaxes realizadas e criticou a falta de transparencia do BNG na contestación do primeiro escrito dos populares, presentado o 3 de decembro: “Non é aceptable que a información facilitada sexa tan escasa e que se nos oculten detalles fundamentais sobre o funcionamento do Coche de Punto”, sinalou.
Á espera de información certeira, o líder do PP detectou un problema maiúsculo que afectará os usuarios potenciais do transporte a demanda, porque “ao contrario do que anunciou o BNG nun primeiro momento, o Coche de Punto non vai buscar aos veciños do rural ás súas casas, senón que se van a marcar uns puntos de recollida fixos, como sucede noutras cidades coas paradas de autobuses, que son máis baratos para o usuario”.
Fronte ao modelo dos nacionalistas, o popular reiterou a súa aposta por un modelo de transporte gratuíto, sostible e eficiente, baseado no reforzo das liñas de autobuses existentes, priorizando os puntos de maior afluencia do núcleo urbano e as parroquias, ademais de incorporar unha rede de carrís bici para fomentar o uso da bicicleta.