- O alcalde e o concelleiro de Vías e Obras visitaron os traballos de substitución da herba natural no terreo de xogo de Pontellas
- A actuación conta cun orzamento de 485.589,50 euros e ten como obxectivo adecuar a instalación para o seu uso intensivo por varios equipos
Xa arrancaron as obras para a substitución do césped no campo de fútbol de Pontellas, unha actuación promovida polo Concello do Porriño que transformará o actual terreo de xogo nunha superficie sintética de última xeración. Con motivo do inicio dos traballos, o alcalde, Alejandro Lorenzo, realizou unha visita de xestión ás instalacións xunto co concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, para supervisar sobre o terreo o desenvolvemento dos primeiros traballos e o plan de execución previsto.
O proxecto conta cun orzamento de 485.589,50€ e contempla un terreo de xogo con dimensións para fútbol 11 e a marcaxe transversal de dous campos de fútbol 7 con porterías abatibles, pero sobre todo a conversión a herba artificial, o que responde ás crecentes necesidades de uso do campo por parte dos equipos locais, permitindo disputar varios partidos e adestramentos no mesmo día sen o desgaste habitual que sufre a herba natural. Entre as actuacións complementarias previas e de acondicionamento inclúense o desmonte do equipamento deportivo e do peche perimetral para o acceso de maquinaria, o caxeado e perfilado da subbase con zahorras compactadas, e a renovación das redes de drenaxe con canaletas perimetrais.
“Un novo campo máis moderno, sostible e pensado para o futuro”, explicou o alcalde, apuntando que o Concello está a levar a cabo unha importante inversión para mellorar e modernizar todas as instalacións deportivas do municipio: “as pistas de pádel, as de tenis, o velódromo ou os campos de fútbol.”.
Recta final no Lourambal
Esta intervención súmase ás melloras que o Concello do Porriño vén desenvolvendo nas infraestruturas deportivas do municipio. De feito paralelamente ao arranque dos traballos en Pontellas, a actuación de mellora e modernización no campo de fútbol do Lourambal atópase xa a piques de rematarse, o que permitirá poñer en breve a disposición dos clubs e afeccionados unhas instalacións renovadas e de primeiro nivel.

