- Este novo parque empresarial dará resposta á demanda de solo industrial na localidade mosense, que xa conta co de Veigadaña ao 100% de ocupación
- O goberno local destaca o obxectivo de que Mos siga crecendo, e preservando sempre a calidade de vida da veciñanza, polo que se prestará especial atención no proxecto ás vías de acceso ao polígono e ás que o circunden, para que o tráfico non afecte aos veciños
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o seu tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, o edil de Urbanismo mosense, José Ramilo, demais membros do equipo de goberno local e técnicos municipais; Margarita Ardao Rodríguez, Directora Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Isaac Gómez Piñeiro, Subdirector Xeral de Promoción Industrial e Solo Empresarial; e Laura Garrido e Roberto Núñez, arquitectos da empresa Antea Group, reuníronse onte pola tarde no Centro Social e Deportivo de Guizán con veciñanza interesada para abordar o proxecto empresarial de Louredo que foi presentado e exposto por parte do equipo redator.
Durante a xuntanza abordáronse con total transparencia as actuacións que se están a levar a cabo respecto do futuro polígono e aclaráronse todos os datos e detalles sobre o devandito proxecto. Ademais recordáronse unha vez máis as condicións de execución deste proxecto, que xa foron amplamente expostas dende o inicio deste, coa intención de resolver a máis mínima dúbida para a total tranquilidade da veciñanza. O goberno local destacou o obxectivo de que Mos siga crecendo, aínda que preservando sempre a calidade de vida da veciñanza, polo que se prestará especial atención no proxecto ás vías de acceso ao polígono e ás que o circunden, para que o tráfico non afecte aos veciños.
Contouse para esta exposición, como xa se dixo, tanto coa presenza de técnicos como da Directora Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, así coma con persoal do equipo redactor do proxecto e do propio Concello de Mos. Acordouse, ao remate da mesma, convocar unha nova reunión a este respecto, xa co proxecto máis avanzado, durante o primeiro semestre do vindeiro ano 2025.
Esta actuación, promovida por Xestur, está recollida no Plan Sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) e foi incluída na súa última modificación, aprobada definitivamente polo Consello da Xunta con data 21 de decembro de 2023.
Mos é o 4º municipio con maior tecido industrial da provincia de Pontevedra, e quere seguir a crecer industrialmente. Xa que Veigadaña se atopa completo e existe unha gran demanda de solo empresarial, poderáo facer co novo polígono empresarial de Louredo, para o que, por parte de XESTUR, no marco da tramitación ambiental, realizáronse as consultas pertinentes, e sobre o que se celebrou onte en Guizán unha reunión informativa con toda a veciñanza interesada, para explicarlles pormenorizadamente os detalles do proxecto do futuro polígono a acometer na zona.
Desde que fóra anunciado en 2020, o proxecto do polígono de Arrufana foi avanzando a bo ritmo e en febreiro de 2023 Xestur encargou o estudo das conexións para o Desenvolvemento do parque empresarial en Louredo (Arrufana) Mos-Redondela. En marzo de 2023 Xestur anunciou a licitación do contrato para a redación do plan estruturante do novo Parque Empresarial de Arrufana. E a Xunta adxudicou en febreiro de 2024, por importe de 223.245 euros, a redacción do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a creación deste parque empresarial. Agora o proxecto se atopa en estudo ambiental ou Avaliación Ambiental.
O novo polígono ten a finalidade de potenciar a actividade económica e a creación de emprego de calidade e a previsión da Xunta de Galicia é investir máis de 40 millóns de euros no desenvolvemento deste proxecto.

