Janet Novás será a pregoeira das Festas do Cristo 2026

Redacción
  • A bailarina e actriz porriñesa, Premio Nacional de Danza e Premio Goya, dará o pistoletazo de saída ás celebracións o vindeiro 26 de setembro desde o balcón do Concello.

A bailarina, performer e actriz Janet Novás será a pregoeira do Cristo 2026. A porriñesa, Premio Nacional de Danza 2025 e Premio Goya á Mellor Actriz Revelación por O Corno, subirá ao balcón do Concello do Porriño o 26 de setembro ás 13:30 horas para dar o pistoletazo de saída oficial das festas na súa fin de semana grande.

Natural de Cans, e sempre vinculada ao municipio, a bailarina asegura “que o Concello pensase en min e me tivese en conta para dar o pregón este ano faime moitísima ilusión. Ademais, máis alá do persoal, paréceme unha imaxe preciosa que unha bailarina dea o pistoletazo de saída ás festas do seu pobo. Que sexa unha bailarina a que dea comezo á festa e abra a pista de baile para toda a súa xente paréceme moi poético e ten, ademais, un significado moi especial para min”.

Da mesma idea é o alcalde Alejandro Lorenzo, que pon en valor a importantísima carreira artística desta muller “que nunca deu as costas ao Porriño e que segue velando polos grandes proxectos do municipio. De feito, agarda vela pronto actuar no novo auditorio, unha infraestrutura a piques de estar rematada e que xa visitou a propia Novás contribuindo incluso no seu deseño interior.

Janet Novás, ademais dun Premio Nacional de Danza e un Goya, foi recoñecida tamén co Premio Ojo Crítico de RNE e o Premio da Crítica de Cataluña. Desde 2008 desenvolve os seus propios proxectos de danza e performance. No seu traballo, o corpo é orixe e materia da creación. Desde a intuición, a emoción e o animal, constrúe unha fisicalidade que transita entre a introspección e o desbordamento, buscando a través do movemento aquilo que aínda non tomou forma na palabra. As súas creacións presentáronse en festivais e espazos nacionais e internacionais de gran prestixio.

Paralelamente desenvolve a súa traxectoria como actriz. Tras protagonizar O Corno, participou en Romería, de Carla Simón, e Harta, de Julia de Paz. Actualmente desenvolve o seu traballo entre a danza, o cine e a pedagoxía.

Pregoeiros porriñeses

Janet continúa así a senda marcada polo Concello do Porriño, no que sempre son personalidades do municipio, ou moi vinculadas con el, as encargadas de protagonizar o Día Grande das Festas. Así, o ano pasado, foron as xogadoras do Balonmán Porriño as pregoeiras; Juaniña, a centenaria costureira porriñesa, foino en 2024; o elenco de Teatro Fontevella deu o pregón das Festas do Cristo 2023; e o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, foi o pregoeiro das Festas do Cristo 2022. “Hai moita xente destacada desde municipio -explica o alcalde-, moitas vivencias, lembranzas e historias que cada ano trascenden nese pregón. Sen dúbida, unha das citas destacas das festas”. 

Comparte este artigo