- Janet Novás, premio Nacional de Danza e Premio Goya, será a encargada de ler o pregón das festas
- Haberá obradoiros infantís durante toda a tarde e chega o Festival Cristo de Bandas ademais da actuación de Queiman Folk ou o monólogo de Touriñán
O prato forte das festas do Cristo este sábado está no aparcadoiro do Progreso coa actuación de Kate Ryan dentro do Dabutel Remember Festival. Pero non estará soa, como fixo xa noutras ocasións, Juaniña, porriñesa centenaria e con alma de festa, será a encargada de presentala.
Ela mesma o desvelou nas súas redes sociais: “el sábado voy a presentar a Kate Ryan que es lo mejor del mundo, venid que os va a gustar”. Juaniña, con 101 anos é unha institución no Porriño, porque foi unha modista recoñecida durante a súa etapa laboral pero tamén pola súa gran vitalidade. É unha das veciñas máis queridas e lonxevas da vila que xa no ano 2024 leu o pregón das festas e que xa presentou a Juan Magán ou Beret antes das súas actuacións.
Agora o fará con Kate Ryan que chega para actuar en torno ás 0:30h no Dabuten Remembres nun cartel que inclue a Khris Guez, Traffic House, Dmirón e Michi.
Pregón
O sábado as miradas e os oidos estarán postos tamén no pregón das festas, que terá lugar ás 13:30 h na praza Arquitecto Antonio Palacios, a cargo de Janet Novás. Artista multidisciplinar, Janet ten un Premio Goya e o Premio Nacional de Danza. “Que el Ayuntamiento haya pensado en mí y me haya tenido en cuenta para dar el pregón este año me hace muchísima ilusión. Además, más allá de lo personal, me parece una imagen preciosa que una bailarina dé el pistoletazo de salida a las fiestas de su pueblo. Que sea una bailarina la que dé comienzo a la fiesta y abra la pista de baile para toda su gente me parece muy poético y tiene, además, un significado muy especial para mí.”
Ademais, o sábado ás 20:30 h na praza Arquitecto Antonio Palacios poderá desfrutarse do espectáculo “Queiman Folk-Rock”, protagonizado polo Bruxo Queiman. “Queiman Folk-Rock” é unha creación artística singular dentro do panorama musical galego que combina a enerxía do rock coa esencia do folk celta, sumando ademais elementos de danza, teatralidade e a presenza simbólica do lume. No escenario dialogan as gaitas, a potencia da percusión, as voces, o rock, a interpretación e o elemento do lume para ofrecer unha experiencia escénica e visual de gran forza. A cita preséntase como unha oportunidade para gozar duns dos espectáculos máis orixinais da cultura galega actual nun espazo emblemático do municipio.
Será tamén o turno de Xosé Touriñán no Pavillón Municipal (único evento con entrada previa xa que organiza a Rondalla AC de Pontellas), da orquestra Costa do Dorada ou do Festival de Bandas coa actuación da Agrupación Musical do Porriño e a Agrupación Musical da Guarda.
Para a cativada haberá obradoiros durante toda a tarde, entre ás 17 e ás 20:00h nas rúas da vila. O prato forte para eles e elas chegará o domingo coa actuación de Gisela.
Domingo 27: Actos relixiosos, Gisela e orquestras
O domingo 27 estará marcado polos actos relixiosos e as propostas para toda a familia. Así ás 12:00 h terá lugar a Misa Solemne e Procesión do Santísimo Cristo da Agonía na Igrexa de Santa María e rúas da vila. O acto estará amenizado pola Coral Polifónica da EMMUS do Porriño, a Banda de Guerra da Brilat, a Banda de Música do Porriño e o Grupo de Gaitas Arume de Malvas.
O prato forte para a cartivada chegará ás 18:00 h da man de Gisela co espectáculo “Una historia encantada” na praza Arquitecto Antonio Palacios, durante unha fin de semana chea de obradoiros para eles e elas.
Ás 19:30 h será o turno da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos na rúa Domingo Bueno, mentras a verbena trasádase, primeiro a praza Central co Grupo Claxxon ás 21:30 e logo volve a Domingo Bueno da man da Orquestra América ás 22:30 h
Luns 28: Misa de campaña, bandas de música e Panorama
O luns logo da misa solemne que terá lugar ás 12:ooh na praza do Cristo, amenizada polo Coro do Grupo Parroquial, terá lugar un concerto da Banda de Música Municipal de Redondela que volverá a actuar ás 19:00 xunto a a Banda de Música Unión Musical de Valladares na praza do Cristo.
Para pechar a noite: a Orquestra Tango actuará ás 21:00 h na Praza Central, e a gran fin de festa chegará coa Orquestra Panorama ás 23:45 h na rúa Domingo Bueno.
Concertos accesibles
O concerto de D. Valentino, o de Kate Ryan, o de Gabriel Fandi, Gisela e o pregón das festas contarán con intérprete de lingua de signos nunhas festas inclusivas, nas que non se quere deixar fóra a ninguén.

