Leticia Santos: “Moaña é agora un referente europeo en saneamento intelixente grazas a unha demanda nacida do sector do mar”

Redacción

A alcaldesa destaca que o proxecto ‘Life Reseau’ deixa no municipio tecnoloxía punta para mellorar a depuración, optimizar investimentos e reducir impactos

Os seguintes obxectivos do Concello: incrementar a capacidade de tratamento, usar o reactor como tanque de tormentas e poder reutilizar a auga depurada

O Concello de Moaña reivindicou hoxe o papel da vila como referente na innovación no saneamento e a protección ambiental. Así o fixo a alcaldesa Leticia Santos na presentación dos resultados do proxecto europeo ‘Life Reseu’, unha iniciativa que escolleu Moaña para desenvolver unha experiencia piloto financiada con fondos europeos e que permitiu instalar novas ferramentas de control e tratamento das augas residuais, dixitalizando a rede e optimizando a estación depuradora do municipio morracense.

Na inauguración, Santos lembrou que a iniciativa comezou oficialmente en 2021 coa concesión dos fondos europeos,  mais realmente naceu hai máis de once anos, cando o BNG chegou ao Concello e atopou a demanda clara das mariscadoras e do sector pesqueiro -nomeadamente facendo especial á confraría de pescadores de San Martiño e de Moaña- para actuar sobre os problemas da rede de saneamento e os alivios que afectaban ao medio mariño.

Segundo indicou, o Concello investiu inxentes cantidades de recursos propios para facer obras de separativa e transmitiu á concesionaria a súa preocupación por mellorar aínda máis a rede. Esta petición fixo que Aqualia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), as universidades participantes e o resto de entidades socias desenvolvesen en Moaña unha experiencia pioneira, o ‘Life Reseau’, que agora poderá servir de modelo para outros territorios. “Non só estamos poñendo a Moaña no mapa, estamos poñendo a Galiza no mapa da innovación na xestión da auga e da adaptación ao cambio climático”, afirmou.

Un dos aspectos máis destacados do proxecto, apuntou a alcaldesa, é a creación dun sistema avanzado de monitorización e análise da rede de saneamento que permite coñecer con precisión o seu funcionamento, identificar infiltracións e priorizar os investimentos futuros de maneira moito máis eficiente. Subliñou que a información obtida grazas aos novos sensores e ferramentas dixitais permitirá orientar mellor os recursos municipais cara aos puntos onde as actuacións teñan un maior impacto. “Agora no Concello contaremos con datos reais que nos permitirán tomar decisións máis intelixentes e priorizar os investimentos alí onde sexan máis efectivos”, explicou.

A iniciativa tamén permitiu validar unha tecnoloxía innovadora de depuración baseada en reactores granulares que incrementa significativamente a capacidade de tratamento sen necesidade de ampliar a superficie da estación depuradora nin aumentar os consumos enerxéticos. Para o Concello, esta circunstancia resulta especialmente relevante nun municipio costeiro de preto de 20.000 habitantes onde a protección da ría constitúe unha prioridade estratéxica. “Vivimos do mar e vivimos coa ría. A nosa responsabilidade é garantir que a nosa pegada sobre o medio sexa a menor posible para preservar a súa produtividade, a súa biodiversidade e a calidade de vida das xeracións futuras”, subliñou a rexedora.

A alcaldesa tamén puxo en valor que o proxecto deixa unha herdanza permanente para o municipio, xa que tanto a infraestrutura instalada como os sistemas de control desenvolvidos continuarán operativos unha vez finalizada a investigación. “Grazas a esta iniciativa europea, Moaña dispón hoxe dunha tecnoloxía de vangarda que moi poucos concellos do país teñen ao seu alcance. E o máis importante é que queda aquí, ao servizo da veciñanza e da protección do noso medio natural”, destacou.

A líder nacionalista considera ademais que a experiencia desenvolvida en Moaña pode servir de referencia para outras administracións -nomeadamente para Augas de Galicia- e para futuras políticas públicas en materia de saneamento, depuración e reutilización da auga, unha cuestión que o goberno local considera clave para afrontar os desafíos ambientais das próximas décadas.

Neste sentido, Santos avanzou que entre os obxectivos futuros do goberno local en Moaña figura seguir aumentando a capacidade de tratamento da depuradora, mellorar a resposta durante os episodios de choivas intensas -utilizando o reactor como tanque de tormentas- e explorar novas posibilidades de reutilización da auga depurada para usos compatibles coa normativa sanitaria.

Finalmente, a rexedora agradeceu o traballo desenvolvido por todas as entidades participantes, o persoal técnico, os equipos de investigación e as profesionais que durante estes anos contribuíron ao éxito dunha iniciativa que considera “un exemplo de colaboración entre administracións, empresa, comunidade científica e sector produtivo ao servizo da protección da ría e do interese xeral”.

Retos cumpridos antes da normativa europea

Ademais das explicacións facilitadas pola alcaldesa, na inauguración do ‘Life Reseau’ en Moaña participaron tamén o persoal técnico de Aqualia (David Soneira, Camila Forero e Nicolás Maldonado) e do ITG Nacional Technology Center (Juan Luis Sobreira).

A comunidade investigadora explicou que o traballo realizado permitiu dixitalizar arredor do 90% da rede de saneamento moañesa, creando unha representación detallada da súa estrutura e funcionamento. A través da instalación de preto de cincuenta sensores distribuídos por distintos puntos estratéxicos da rede e da depuradora, o sistema é capaz de monitorizar en tempo real niveis, caudais, calidade da auga e alivios, xerando unha cantidade de información sen precedentes para a xestión do servizo.

Toda esta información aliméntase nunha plataforma dixital desenvolvida polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que permite simular distintos escenarios de funcionamento e actuar como sistema de apoio á toma de decisións. A ferramenta facilita unha radiografía precisa do comportamento da rede, axudando a identificar infiltracións, entradas de auga de choiva ou intrusións mariñas e permitindo planificar actuacións de mellora con maior eficacia. Paralelamente, o proxecto serviu para validar unha innovadora tecnoloxía de depuración baseada nos reactores granulares.

Os resultados obtidos durante a fase piloto son especialmente destacados. Mentres unha planta convencional require máis de 2.700 metros cadrados de superficie ocupada, a instalación experimental desenvolvida en Moaña funciona en pouco máis de 140 metros cadrados. Ademais, a capacidade de tratamento por unidade de superficie multiplica por máis de tres a dos sistemas tradicionais e o consumo enerxético sitúase aproximadamente na metade dos valores habituais.

As persoas responsables técnicas destacaron o carácter pioneiro do proxecto en Moaña, impulsado mesmo antes da entrada en vigor da nova Directiva Europea de Augas Residuais Urbanas. Subliñaron que as solucións desenvolvidas no municipio do Morrazo responden de maneira directa aos retos que marca a nova normativa comunitaria en materia de eficiencia, control e sustentabilidade.

Outro dos aspectos máis valorados foi a capacidade de transferencia do coñecemento xerado. Tanto os modelos dixitais como as metodoloxías de monitorización e análise desenvolvidas durante estes anos poderán ser aplicadas noutros sistemas de saneamento, convertendo a experiencia de Moaña nun referente para futuros proxectos semellantes.

O proxecto deu lugar ademais a importantes resultados científicos e técnicos, entre eles unha tese doutoral de máxima cualificación, contribuíndo a situar Galicia como un territorio de referencia na innovación vinculada á xestión da auga e á economía circular.

O orzamento total do ‘Life Reseau’ ascendeu a 2.891.589 euros, cunha contribución da Unión Europea de 1.590.372 euros, e a participación de Aqualia, ITG, Vand CenterSyd e o Concello de Moaña.  Ademais de Moaña houbo outra localidade seleccionada para os proxectos pilotos, en Sonderso (Dinamarca), co fin de reducir nun 100% as descargas dos sistemas unitarios de saneamento en áreas de fortes chuvias.

Comparte este artigo