HomePontevedraPontevedraLores: “Esta cidade aínda non atopou o seu teito, por  iso seguiremos...

Lores: “Esta cidade aínda non atopou o seu teito, por  iso seguiremos avanzando, con nova enerxía cara a  un mellor futuro” 

- Anuncio -spot_img

A executiva local do BNG mantivo unha xuntanza de traballo co seu  grupo municipal no Concello de Pontevedra para realizar un balance  conxunto chegados ao ecuador do mandato actual 

Acto público de metade de mandato o xoves 22 ás 20.30 h. na zala zennet,  coa participación de Sabela Bará, Eva Vilaverde, Ana Pontón e Miguel  Anxo Fernández Lores 

Pontevedra, 16 de maio de 2025. A executiva local do BNG e o seu grupo municipal no Concello  de Pontevedra mantiveron esta mañá de venres unha xuntanza de traballo co gallo do  cumprimento dos dous anos do mandato actual, para logo realizar unha comparecencia  conxunta perante os medios de comunicación a responsábel local do BNG, Sabela Bará; a  voceira do grupo municipal, Eva Vilaverde; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández 

Lores

Tal e como explicou a responsábel local, a xuntanza queda enmarca dentro dun novo período  para a organización nacionalista en Pontevedra, na que se está a traballar arreo e dun xeito  dinámico, logo da renovación do seu consello local. “Neste tempo establecemos unha  coordinación, se cabe, máis intensa entre as persoas que formamos parte da do consello local  do BNG e o grupo de Goberno”, explicou. “Estamos desenvolvendo un traballo forte e continuado  no que a organización do BNG está moi activa e plena forma, e para o que conta cunha  militancia que ten moita ilusión e moito ánimo por desenvolver traballo político no que vén por  diante”. 

Froito destas xuntanzas e labores conxuntas, o BNG realizará un acto o vindeiro xoves, 22 de  maio, para facer balance da chegada ao ecuador de mandato. Trátase dun acto aberto a toda a  cidadanía pontevedresa, e que contará coa intervención do alcalde, Miguel Anxo Fernández  Lores, da tenente de alcalde e voceira do grupo municipal do BNG, Eva Vilaverde, e da voceira  nacional do BNG, Ana Pontón. O espazo escollido é a Sala Zennet, e o inicio do acto queda fixado  para as 20.30 horas. 

Pola súa banda, a voceira do grupo municipal, Eva Vilaverde, definiu a xuntanza como moi  positiva, e como un xeito de poder comprobar todos os proxectos que hai enriba da mesa de  aquí a finais de mandato. Lembrou que ao longo dos últimos 24 meses fóronse corrixindo erros,  

ordenando a administración e púxose en marcha un proxecto global que xa no seu momento se  falou de que se iría a 8 ou 10 anos, e que agora comeza a dar os seus froitos. 

“Temos un goberno coordinado e con impulso, que afronta novos retos desde a experiencia,  pero tamén con enerxía renovada”, sinalou. “Temos un traballo entre as mans que, como dicía,  responde a un proxecto deseñado a principios do mandato e que responde a tres eixos  fundamentais: mellorar a calidade de vida dos pontevedreses e das pontevedresas, aumentar os  equipamentos mellorando os servizos que lle ofrecemos á cidadanía e tamén tomar todas as  medidas posíbeis aos respecto da loita contra o cambio climático”. 

“Coido, humildemente, que estamos cumprindo, que temos unha cidade que funciona, unha  cidade, ademais, que está respondendo positivamente a todos eses novos retos que aparecen no  día a día. Pontevedra é unha cidade dinámica, das máis dinámicas que eu coñezo. Vémolo nas  rúas todos os días, podémolo palpar. Vemos as rúas cheas de xente de todas as cidade, de todas  as idades. Vemos a cidade chea de actividade, tanto cultural como a nivel económico», indicou. 

Vilaverde lembrou que a día de hoxe Pontevedra conta cunha situación laboral excepcional, ao  crear 64,5 postos de traballo por cada 100 habitantes, un dato que fala por si só do emprego que  xera a cidade, e que cobre todas as necesidades da poboación activa do municipio. “Falamos  dunha cidade activa, dunha cidade atractiva e cómoda, unha cidade que ofrece calidade de  vida. Falamos dunha cidade cómoda e tranquila, pero ao mesmo tempo avanzada”. 

Porén, a voceira do grupo nacionalista municipal tamén quixo facer fincapé que se ben ten  claro que a cidade funciona, non ve igual de ben as relacións con outras administracións  públicas en relación co desenvolvemento de Pontevedra.  

Ao respecto da Deputación, “a ninguén se lle escapa que as relacións empeoraron neste último  mandato con respecto ao mandato anterior, e mesmo me atrevería a dicir co último período de  Louzán”. Como exemplo deste enfriamento ou mudanza nas relacións, Vilaverde puxo o foco  sobre os campionatos mundiais de triatlón, que antes contaban con financiamento provincial,  pero “a estas alturas todo parece indicar que non vai ser así”. 

No referido á Xunta de Galiza, Vilaverde denunciou o bloqueo absoluto dos investimentos da  Xunta en Pontevedra, “e que nunca se explicara o motivo, se é que hai algún”. “Semella que  nalgunhas cousas foron rectificando, e iso é de agradecer, como en cuestións como a variante  de Alba, o hospital público de Montecelo, ou abordar a construción de vivenda pública logo de 15  anos sen facelo”. 

Por último, sobre o Goberno do Estado, sinalou á senadora Carme da Silva e ao deputado Néstor  Rego como responsábeis principais á hora de mellorar as relacións existentes, a través de  “negociacións, traballo e lograr cuestións fundamentais como a autorización o vial de Mollavao  ou o desatranco do nó de bombeiros. Outras cuestións, pola contra, seguen a ritmo de tartaruga,  como a circunvalación ou o paseo a Marín”. 

Por último na orde de intervencións, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores tomou a palabra  para realizar a súa achega á hora de contextualizar aínda máis ese balance logo de dous anos  do actual mandato. 

“En maio do ano pasado comenteivos que quedaban sentadas as bases dun novo capítulo para  esta cidade, as bases do que podía ser un dos meus mellores mandatos como alcalde. Un ano  despois, no ecuador do mandato, podo asegurar que esta afirmación é certa, pois este vai ser un  dos máis frutíferos e satisfactorios”, comentou. “Atópome nun intre espléndido da miña vida  laboral e persoal. Acaba de nacer a miña quinta neta e xa podo dicir que teño na casa case un  equipo de waterpolo feminino enteiro”. 

O rexedor subliñou que está rodeado dunha equipa “fenomenal”, sinalando o bo “feeling” que hai  entre todos e todas as persoas que traballan a prol da cidade, e que se sinte “coma sempre,  totalmente arroupado pola organización do BNG”. “Coido que a actividade municipal está nun  momento de expansión… hai un pulo tremendo de enerxía coa intención de facer as cousas do  mellor xeito posíbel, con moitos proxectos ilusionantes en marcha que son ben coñecidos”. 

Fernández Lores tamén sinalou o bo entendemento que existe na actualidade co grupo  municipal do PSOE, un feito que considera positivo e que é bo para a cidade, o que, “en boa  medida, é o que máis me importa”. 

Recuperando o comentado por Eva Vilaverde sobre os tres eixos fundamentais que vertebran os  proxectos e plans até o final de mandato, Lores indica que as decisións tomadas permitirán  consolidar a Pontevedra como unha das cidades máis avanzadas da Galiza e tamén to Estado.  “Non quero facer unha retaíla de todos os proxectos en marcha, mais ese cambio de paradigma  do que tanto temos falado está xa en marcha, o contrato de residuos está adxudicado e é  cuestión de semanas que se perciba nas rúas”, explicou. “Eu teño moita esperanza e moita  confianza no comportamento exemplar da cidadanía de Pontevedra, un comportamento que  abrirá as portas a facer unha separación e un tratamento dos residuos referente”

Ademais deste asunto, o rexedor quixo destacar outros proxectos xa en marcha ou de recente  adxudicación como a creación do novo parque da Parda, a renaturalización do Gafos ao seu  paso por Campolongo, a celebración do Mundial Multisport no 2025 e das Series Mundiais no  2026, o proxecto do futuro vial de Mollavao e a reforma de Rosalía de Castro; a compra da  parcela de Fenosa ou, de xeito especial, o enorme investimento (máis de 10 millóns de euros)  que se contemplan para Monte Porreiro. 

Ademais, tamén está a reforma da pasarela sobre a vía do tren en 12 de novembro, a reforma da  rúa Santiña, a intensísima programación do Ano Castelao, a celebración de Novos Cinemas,  Ambienta e dos Feroz como unha aposta clara polo audiovisual; a reforma do antigo  conservatorio, a finalización da instalación do sanemento no rural ou a mudanza a tecnoloxía  LED en case todo o eido municipal. 

“E que a ninguén se lle ocorra que tiramos a toalla co saneamento da ría e o traslado de ENCE,  algo que vai no noso ADN”, destacou.  “Todo o que vos conto non é unha casualidade. Todo o que pasa en Pontevedra non pasa por  unha especie de xeración espontánea, trátase de decisións e políticas, de traballo conxunto e  de crear un tecido nesta cidade entre todos e todas, un conxunto dinámico que aínda non  coñece teito e que seguiremos explorando. Pensándoo ben non sei se me chegarán os 8 ou 10  anos que vos dixen hai un tempo», finalizou.

Publicacións Relacionadas