Mauro Portela, autor máis novo en doar a súa obra á biblioteca de Tomiño

Redacción

O libro A Galicia que percorreu Alan Lomax pasará a formar parte do recuncho do patrimonio tomiñés no Espazo Isaura Gómez, dedicado á conservación da memoria e identidade local

O tomiñés Mauro Portela acaba de converterse no autor máis novo en doar a súa obra á biblioteca municipal de Tomiño, contribuíndo así a enriquecer o espazo do patrimonio tomiñés do Espazo Isaura Gómez cunha publicación de referencia para a etnomusicoloxía galega.

Portela fixo entrega dun exemplar de A Galicia que percorreu Alan Lomax, unha publicación editada pola Fundación Lola Pérez Rivera e a Central Folque, na que participa xunto ás investigadoras Julia Andrés Oliveira, María Galán Muñoz, Carmen Teresa García Arroyo, Carolina Monreal Román e Laura Silva Huerta.

O libro recolle un traballo de investigación que dá continuidade a un proxecto iniciado en 2024 e presenta a transcrición, análise musical e contextualización de cen tonadas tradicionais galegas gravadas polo recoñecido etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax durante a súa viaxe por Galicia en 1952. As gravacións, realizadas nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, constitúen un dos arquivos sonoros máis valiosos para coñecer e preservar o patrimonio musical tradicional galego.

A obra ofrece unha aproximación ao contexto no que foron realizadas estas gravacións e analiza musicalmente un repertorio que segue a ser fundamental para comprender a riqueza da tradición oral e musical de Galicia.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu a doazón de Mauro Portela e destacou o valor do seu xesto. “É unha satisfacción que un investigador tan novo decida compartir o seu traballo coa veciñanza e contribuír a ampliar un fondo documental que xa é unha referencia para coñecer a nosa historia e o noso patrimonio. É un exemplo do compromiso da mocidade coa cultura e coa transmisión do coñecemento”, sinalou.

Coa incorporación desta publicación, o recuncho do patrimonio tomiñés do Espazo Isaura Gómez continúa consolidándose como un espazo de referencia para preservar, divulgar e poñer en valor o legado histórico, cultural e documental de Tomiño e da súa contorna.

Comparte este artigo