Mos aproba por maioría o Plan Económico Financeiro 2026-2027 e iniciará a licitación pública dun préstamo bancario para investimentos estratéxicos

Redacción

O Pleno do Concello de Mos aprobou hoxe por maioría o Plan Económico Financeiro 2026-2027 o que permite dar luz verde ao inicio do procedemento de licitación pública dun préstamo bancario destinado a impulsar investimentos estratéxicos xa contemplados no orzamento municipal de 2026.

O goberno local destacou que esta operación se realiza desde unha situación económica “saneada, estable e con capacidade de investimento”, despois de pechar o exercicio 2025 cunha capacidade de financiamento positiva superior aos 333.000 euros, un remanente de tesourería por enriba dos 556.000 euros e unha débeda reducida ata o 13,51%, moi por debaixo dos límites legais.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, explicou que o préstamo permitirá “seguir facendo o Mos que quere a xente: o Mos industrial que xera emprego e oportunidades, o Mos humanizado pensado para as persoas, o Mos verde comprometido coa sustentabilidade e o Mos do futuro que continúa avanzando con proxectos estratéxicos e investimentos importantes”.

Arévalo insistiu en que o Concello “está nun dos momentos de maior fortaleza económica da súa historia” e defendeu que “cando unha administración ten as contas ordenadas e unha débeda baixa, ten tamén a responsabilidade de aproveitar esa estabilidade para seguir mellorando servizos, infraestruturas e calidade de vida”.

O executivo municipal subliñou que o Plan Económico Financeiro garante o cumprimento da normativa económica nos vindeiros exercicios sen renunciar á continuidade dos investimentos nin ao avance do municipio.

O préstamo que sairá agora a licitación pública forma parte da planificación económica incluída no maior orzamento da historia de Mos, aprobado para o exercicio 2026, cun importe próximo aos 16 millóns de euros.

Comparte este artigo