Son elementos reciclados a partir dos antigos contedores iglú para vidro, reconvertidos en casiñas felinas. Ademais son elementos moi artísticos, pois foron decorados por grafiteiros
Mos avanza no Plan ‘Ghatiñ@s’ e instala os primeiros refuxios para colonias felinas de gatos rueiros. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a voluntaria coidadora da colonia felina de Pereiras, Merchi Domínguez Ledo, o edil da parroquia de Pereiras, Leo Costas, e a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, achegáronse ata un dos tres primeiros refuxios de colonias felinas a instalar na localidade mosense, que se atopa ubicado na contorna da Igrexa de Pereiras.
Ademais o departamento municipal de Medio Ambiente vén de recibir a notificación dunha subvención de 7.552,27 euros incluída no Plan de Axudas a Entidades Locais destinadas a mellorar e impulsar o control poboacional de colonias felinas do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e que desde o Concello de Mos destinarase a promocionar, impulsar e implementar esta campaña denominada ‘Ghatiñ@s Mos’.
Os refuxios para gatos rueiros son elementos reciclados. Trátanse dos antigos modelos de contedor iglú para desbotar o vidro, reconvertidos en casiñas felinas. Ademais son elementos moi artísticos pois foron decorados coa técnica do grafiti por artistas rueiros. O visitado polas representantes municipais Arévalo e Méndez Senlle está protagonizado polo emblema do municipio: a rosa de Mos, e polo famosísimo personaxe felino: o gato Garfield.
Ademais desta axuda nacional, o Plan ‘Ghatiñ@s Mos’ está dotado de fondos propios municipais, así como conta con apoio provincial coa a adhesión mediante convenio ao CAAN da Deputación de Pontevedra (Centro de Acollida e Protección de Animais da Armenteira) mediante o que se establece un protocolo de actuación para a esterilización de gatos comunitarios; sempre segundo o establecido na Lei de protección dos dereitos e do benestar dos animais. A posta en marcha deste Plan surxiu da demanda veciñal e da detección da proliferación de colonias felinas de gatos rueiros.
O Concello mosense, estreou o servizo provincial de esterilización do CAAN da Deputación e xa esterilizou dúas quendas de gatos rueiros grazas e el. En total, esterilizaranse un total de 78 gatos dentro do Plan Municipal de Control e Xestión de Colonias Felinas ‘Ghatiñ@s’.
O Concello de Mos foi o primeiro que fixo uso deste servizo provincial de esterilización de gatos procedentes de colonias felinas legalmente establecidas, na instalacións do CAAN (Centro de Recollida e Protección Animal). Mos decidiu iniciar o proceso de castración e solta destes animais e en total Mos esterilizará 78 gatos rueiros dentro do seu Plan ‘Ghatiñ@s’.
A proliferación de colonias felinas de gatos rueiros prodúcese sobre todo en 6 das 10 parroquias mosenses (Sanguiñeda, Petelos, Tameiga, Louredo, Pereiras e Mos). Así, iniciado o procedemento de localización e contabilización das mesmas, ata o momento xa se detectaron alomenos 8 colonias.
Para proceder ao control e xestión destas 8 colonias, desde o Concello de Mos procederase á adxudicación por segundo ano consecutivo en 2025, -posto que xa se contratou tamén neste ano 2024-, dun servizo veterinario para adquisición de pienso para alimentación, cirurxías urxentes de gatos/as abandoados, así como adquisión de transportíns para traslado dos gatos. Servizo veterinario que se complementa coa castración de gatos abandoados a través do CAAN da Deputación. De cara á financiación do devandito gasto veterinario, desde o departamento municipal de Medio Ambiente tamén se presentou na Xunta de Galicia solicitude de subvención para sufragar o investimento local deste ano.
A posta en marcha deste Plan Municipal de Control e Xestión de Colonias Felinas vai dirixida ás comunidades de gatos que viven na rúa co fin da súa protección e control poboacional. Os gatos integrantes destas colonias deberán ser capturados para a súa marcaxe esterilización e control sanitario.
Xa foron detectadas ata o momento alomenos 8 colonias felinas: 3 en Sanguiñeda, 1 en Petelos, 1 en Tameiga, 1 en Louredo, 1 en Pereiras e 1 en Mos. Por iso é preciso que o Concello conte cun programa de xestión de colonias que estandarice os traballos e metodoloxías empregados, con obxecto de controlar a poboación das colonias urbanas felinas e manter a súa saúde, optimizando os recursos e os medios necesarios.
Así, a alcaldesa e a edil de Medio Ambiente, Laura Méndez, declararon que “é apremiante a necesidade por parte do Concello de controlar a poboación das colonias de gatos que viven na rúa, cos conseguintes problemas medioambientais e de salubridade que ocasionan como cheiros, suxedade, e presencia de plagas (pulgas) por todo o municipio”. Explicaron que “así mesmo este plan será reforzado con campañas de concienciación e prevención dirixidas á poboación”.
Ao igual que o caso de Merchi Domínguez de Pereiras, o Concello de Mos conta con voluntariado que actúe como xestor das 7 colonias mosenses existentes que suman un total de 106 gatos rueiros rexistrados nun censo.
As voluntarias e voluntarios forman parte de plans de formación e sensibilización para poder realizar as tarefas propias de xestores de colonias. Tales coma participar nos labores de coidado, desparasitación, alimentación e recollida e transporte para a esterilización, etc.
Establécese para elo formación específica para os mesmos, así como se creará un sistema de identificación das persoas voluntarias mediante un documento identificativo de xestor de colonias. A persoa voluntaria establécese como axente intermediador entre o Concello e os veciños, para resolución de conflitos que puideran xerar as colonias felinas á unidade coordinadora da que forma parte a concelleira responsable do proxecto de xestión de colonias.
Para poder financiar estes programas de formación para o voluntariado que participante no programa ‘Ghatiñ@s Mos’, entre outros gastos deste plan de xestión ética de colonias felinas, desde a concellería mosense de Medio Ambiente que dirixe a edil Laura Méndez solicitouse a subvención á ‘Subsecretaría de Derechos Sociales y agenda 2030’, dentro da liña de ‘Subvenciones a entidades locales destinadas a mejorar e impulsar el control poblacional de colonias felinas, correspondientes al año 2024’ de máis de 7.000 euros que vén de ser concedida.
Así o Concello de Mos cuadruplica o orzamento anual destinado ap Plan ‘Ghatiñ@s Mos’ de xestión de colonias de gatos rueiros, pasando dos 2.500 euros aos 10.000 euros.
A figura do voluntario coidador de colonia felina
Unha das grandes responsabilidades das persoas voluntarias de ‘Ghatiñ@s Mos’ é a coordinación da recollida dos felinos para o traslado ao tratamento veterinario de esterilización. Para elo os coidadores das colonias deben deixar sen alimentar á colonia o día anterior polo menos cunha antelación de 24 a 36 horas, para axudar na captura dos gatos. Se os gatos non teñen fame é complicado que accedan ao interior das trampas e a súa captura será moi difícil. É unha das actividades previas máis importantes para que a captura teña posibilidades de éxito, polo que debe coordinarse a previsión coas persoas coidadoras ao cargo da colonia na que se vai a actuar.
As persoas voluntarias estarán identificadas cunha serie de documentos e/o formularios. Estes documentos serían:
Protocolos de traballo: establecerase un protocolo para cada actuación relacionada coa xestión: captura e traslado, actuacións veterinarias, retorno, seguimento e control, alimentación e coidados, novas incorporacións, enfermidades infecciosas, partos ou nacementos, cadáveres de gatos integrantes da colonia. Nestes protocolos detallaranse todas as actividades que contempla cada actuación. Antes de iniciar a tarefa, entregarase unha copia do devandito protocolo ao persoal encargado da realización da mesma.
Habilitacións e autorizacións: estableceranse as figuras de responsable de colonia, alimentador-coidador, persoal de capturas, colaborador e voluntario. A todas estas figuras, previo ao comezo da actividade, entregaráselles a oportuna acreditación que lles autoriza a desenvolver esa actividade nunha ou varias colonias. Estas acreditacións autorizaranlles a acceder á colonia, alimentar e limpar a colonia, aparcar o vehículo nas zonas próximas, aínda prohibidas, para cargar ou descargar material, gaiolas, alimento, etc.
Formularios e documentos de control: ao responsable de colonia faráselle entrega dos documentos que lle permitirán levar un control dos gatos que integran a colonia e do seu estado sanitario. Aos alimentadores entregaránselles unhas fichas onde anotarán diariamente a cantidade de alimento administrado á colonia e as incidencias detectadas. Aos veterinarios colaboradores facilitaránselles unhas fichas clínicas do animal, que deberán cumprimentar, nas que farán constar a identificación do gato xunto cos seus datos sanitarios (esterilización, vacinacións, desparasitaciones, outros tratamentos ou actuacións)
Formación: O éxito no establecemento de colonias felinas, depende dunha aceptación por parte da sociedade. Esta aceptación social é importante para que se poidan garantir a convivencia respectuosa e a colaboración cidadá para manter e coidar estas colonias. Para conseguir esta aceptación e colaboración, a sociedade necesita estar informada.
Esta información debe ser precisa e obxectiva, de forma que a sociedade sexa consciente das vantaxes que supón agrupar aos gatos en colonias controladas por medio do método CER/CEVR, fronte a outros métodos de xestión.