As entidades cidadás do municipio poderán participar na configuración do futuro Consello de Orzamentos Participativos
O Concello de Mos inicia mañá, mércores 16 de setembro, as reunións sectoriais coas entidades cidadás do municipio para avanzar na preparación da segunda edición dos Orzamentos Participativos de Mos.
As reunións continuarán o xoves 17 de setembro e teñen como obxectivo que as distintas entidades e colectivos do municipio poidan estar representados no Consello de Orzamentos Participativos, ampliando así a participación respecto da primeira edición.
Nesta segunda edición, o Concello quere ampliar a representación para incorporar outros sectores do tecido asociativo, social e económico de Mos, de maneira que conten cun espazo propio de participación na definición das propostas que se incorporarán ao proceso.
As entidades cidadás estarán agrupadas en función das diferentes áreas nas que se estrutura o Goberno municipal. As cinco agrupacións previstas son:
Traídas de augas e Comunidades de Montes; colectivos sociais, educación, maiores e persoas con discapacidade; empresariado, hostalaría, comercio e asociacións de veciños; asociacións culturais e comisións de festas e clubs deportivos.
A partir desta estrutura, as entidades estarán representadas nos futuros Consellos Sectoriais, que traballarán de maneira coordinada coas correspondentes áreas do Goberno municipal.
A primeira edición xa se traduce en actuacións
O inicio das reunións para preparar esta segunda edición coincide tamén coa evolución do proxecto de mellora do campo de fútbol de San Antoiño, en Louredo, a proposta gañadora da primeira edición de Mos Decide.
O proxecto atópase actualmente en proceso de licitación. O prazo para a presentación de ofertas rematou onte e hoxe tivo lugar a apertura das propostas presentadas polas empresas interesadas.
A actuación nace dos primeiros Orzamentos Participativos, nos que a proposta de mellora do campo de Louredo a que máis votos obtivo da veciñanza. Para a súa execución contempláronse 200.000 euros procedentes dos Orzamentos Participativos, aos que se engadiu unha achega de 170.000 euros do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Así, mentres se avanza na tramitación da proposta elixida na primeira edición, o Concello pon mañá en marcha as reunións sectoriais para preparar unha segunda edición na que se pretende ampliar a participación das entidades cidadás de Mos

