O Concello acomete a reparación completa do muro situado na beira do río Louro, danado polas crecidas
O Concello de Mos ven de executar a reposición completa do muro da Noveleda, situado na beira do río Louro, cun investimento duns 35.000 euros procedentes de fondos propios municipais.
A actuación permitiu reparar os danos ocasionados polas crecidas do río, recuperar a funcionalidade do muro e evitar que o seu deterioro continúe avanzando.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, sinala que “decidimos asumir esta actuación con fondos propios porque era necesario dar unha solución ao deterioro do muro. As crecidas do río Louro provocaron danos que non podiamos deixar sen atender”.
A rexedora destaca que se trata dunha intervención “necesaria e estratéxica” para recuperar este espazo e garantir que o muro quede en condicións axeitadas, ao tempo que reafirma o compromiso municipal coa mellora das infraestruturas e a atención ás necesidades da veciñanza.

