Óscar Otero realizou unha emotiva intervención sobre o Mos da emigración e abordou o labor desenvolvido na capital arxentina pola entidade de cuxo equipo directivo forma parte
O Pleno ordinario do mes de outubro do Concello de Mos comezou hoxe co recibimento a Juan Óscar Otero Lago, vicepresidente da Asociación Galega Residentes de Mos en Bos Aires. Alcaldesa e voceiros da Corporación Municipal mosense agradecéronlle a Otero a súa visita e destacaron o gran labor que desde hai 8 anos Juan Óscar desenvolve como vicepresidente a prol do Mos na emigración.
Pola súa banda Óscar Otero realizou unha emotiva intervención sobre o Mos da emigración e abordou o labor desenvolvido na capital arxentina pola entidade de cuxo equipo directivo forma parte. Fixo un repaso da traxectoria histórica da Asociación dende a súa creación en 1918, así como do traballo actual que nela se realiza. E destacou a figura do alcalde mosense exiliado na Arxentina, Segundo Pampillón.
Nidia Arévalo, rexedora local mosense, agredeceu “como alcaldesa e sobre todo como veciña mosense que coñece de primeira man a dureza da vida dos emigrantes, pois parte da miña familia é emigrante, a tarefa altruista das persoas que como Óscar se suman a dirixir entidades coma a Asociación de Bos Aires, que tanto fan polas nosas raíces, pola nosa historia e costumes”, declarou.
Na súa intervención Arévalo salientou que “a Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires é a undécima parroquia mosense situada ao outro lado do Océano Atlántico. A que nos mantén unidos aos mosenses de aquí e aos de alá, a pesares dos 11.000 quilómetros de distancia que nos separan fisicamente. Por iso hoxe lle traslado as máis expresivas e sinceras gracias ao Mos de Bos Aires, -que lles fago chegar a través do seu vicepresidente que nos acompaña e nos honra esta mañá coa súa presencia-, polo mimo, coidado, bo facer, amor e profundo respecto cos que preservan as nosas tradicións mosenses na emigración. Así como aproveito para felicitalo tamén pola celebración do 106 Aniversario da Asociación que ten lugar este ano”.
A Asociación Galega Residentes de Mos en Bos Aires fai un arduo, incansable e incesante traballo para preservar as historia e cultura de Mos e de Galicia dende hai máis dun século. A Asociación foi creada en 1918 por un grupo de inmigrantes para poder aplacar a súa morriña. Foi crecendo, cos anos, coa participacion dos seus fillos e netos e tamén coa xente que atopaba no lugar e na cultura galega un sentimento. Representada polas súas escolas de Baile, Gaita e Canto tradicional Gallego, trata de manter sempre vivas as raices e tradicións dos devanceiros galegos e mosenses.
Un aspecto destacable da Asociación de Bos Aires é o interese e esforzo para que a xuventude participe na Asociación e se convirta no seu motor e poder así manter vivas as raíces mosenses. “Na mocidade está o futuro, e vos o sabedes e o poñedes en valor. Por elo noraboa e parabéns”, apuntou a alcaldesa Nidia Arévalo.
Cómpre lembrar que a Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires recibiu en 2010 a Medalla ó Mérito Cultural do Concello de Mos, e foi a encargada de dar o Pregón da Festa da Rosa ese mesmo ano. Ademais o Concello de Mos nomeou en 2017 Fillo Predilecto de Mos a José Leirós Pereira que durante 17 anos foi presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires.