Cheo total no Centro Dotacional de Torroso, que acolleu onte o acto “Ruada, canta e toca a Begoña Caamaño”, organizado polo Centro Recreativo e Cultural de Torroso e o Concello de Mos dentro da programación das Letras Galegas 2026
A actividade reuniu a centos de persoas nunha xornada marcada pola música tradicional, o canto popular e o baile galego, no que foi un dos actos centrais da programación cultural das Letras Galegas no municipio.
Durante a mañá sucedéronse as actuacións de Ruada Folk, o Coro Setestrelo, as Cantareiras de Sobreira e o Grupo de Baile Ruada, que ofreceron distintas pezas de música e baile tradicional nun ambiente participativo e festivo arredor da cultura galega.
O acto serviu tamén para lembrar a figura de Begoña Caamaño e un dos momentos máis emotivos da xornada foi a proxección do videoclip “Begoñísima”, interpretado por Uxía e Malvela, unha homenaxe musical creada arredor da memoria da autora e incluída no Libro-CD Indómitas: Nove ondas a Begoña Caamaño.
As integrantes de Malvela estiveron presentes no acto, compartindo coa veciñanza esta homenaxe audiovisual dedicada á escritora viguesa á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou durante a súa intervención “a importancia de seguir apoiando actividades que manteñan viva a nosa lingua, a nosa música e as nosas tradicións populares”.
Arévalo agradeceu tamén “o traballo das asociacións culturais, agrupacións musicais e colectivos que fan posible que a cultura galega siga pasando dunha xeración a outra”.
A rexedora mosense puxo en valor ademais “o compromiso do tecido asociativo de Mos coa conservación e promoción da cultura tradicional galega, fundamental para preservar a nosa identidade e o noso patrimonio inmaterial”.
Con este acto, o Concello de Mos pecha a programación das Letras Galegas 2026, unha iniciativa que ao longo dos últimos días levou actividades culturais e educativas aos centros escolares e distintos espazos do municipio co obxectivo de achegar a lingua e a cultura galega á veciñanza de todas as idades.

