O portavoz do BNG provincial advirte de que o Concello de Pontevedra presta un servizo que lle xera déficit e polo que paga máis do que cobra
O portavoz do BNG na Deputación de Pontevedra César Mosquera ofreceu formalmente hoxe á institución provincial que asuma a xestión da auga en alta do sistema do río Lérez e preste directamente este servizo aos concellos que se abastecen da rede de Pontevedra. Mosquera fixo a proposta durante o Pleno provincial como resposta ao presidente da Deputación Luís López, quen acusou recentemente ao Concello de Pontevedra de “facer negocio coa auga”.
Mosquera corrixiu de maneira tallante ao presidente provincial: “Luis López fala sen saber e nesgado”, sinalou, lembrando que Pontevedra non ten beneficio algún coa auga, senón que a prestación deste servizo cústalle centos de miles de euros e xera un déficit elevado. “Pontevedra paga pola auga máis do que cobra aos concellos aos que lla subministra”, explicou Mosquera, subliñando tamén que o subministro entre os máis baratos en comparación cos prezos aplicados por outras cidades.
Neste contexto, Mosquera formulou unha alternativa concreta á Deputación para que non sexa o Concello de Pontevedra o que se encarga de xestionar a auga, e plantexou que se Luis López considera que a actual fórmula non é a axeitada, que a propia institución provincial asuma a xestión en alta. “Se saben a solución, fágolle a oferta formal para que a xestión sexa provincial”, afirmou o portavoz nacionalista, que considera que esta vía pode ser moito máis sinxela que avanzar nunha mancomunidade xa que a Deputación ten competencias para prestar asistencia e cooperación aos concellos cunha visión supramunicipal.
Mosquera insistiu na súa proposta tanto na intervención inicial do Pleno como ao remate, na quenda de preguntas, cando cuestionou directamente ao presidente se xa tiña pensada e fixada na súa axenda a reunión necesaria para abordar a proposta do cambio na xestión co Concello de Pontevedra. “Poña día e hora”, reclamoulle a López.
O portavoz provincial do BNG, ademais, vinculou a cuestión da xestión da auga e os seus custes coa política de financiamento da Deputación e co debate da modificación de crédito aprobada no Pleno para financiar o Plan de Infraestruturas Deportivas, destinado aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Mosquera puxo o foco en que mentres o resto dos concellos da provincia van incrementando as achegas que reciben da Deputación, Pontevedra e Vigo manteñen reiteradamente conxelados os seus fondos provinciais.
Neste escenario, o nacionalista considerou “especialmente inaceptable” que o presidente provincial cuestione a xestión da auga que fai Pontevedra sen ter en conta o custo que supón para as arcas municipais. “A Deputación destina a Pontevedra menos recursos dos que debería, (…) e aínda por riba hai que escoitar que Pontevedra vende a auga a quen lle peta e como lle peta”, criticou.
Aeroporto de Vigo e Ceuta
No Pleno de hoxe tamén se debateron as mocións presentadas polo PP sobre o aeroporto de Vigo e sobre a situación en Ceuta. No caso de Peinador, o BNG lembrou que o verdadeiro pacto polo aeroporto pasa por un Plan de Dinamización con medidas concretas, compromisos orzamentarios e unha planificación a longo prazo dentro dunha auténtica estratexia aeroportuaria de país.
O Bloque considera que o futuro da terminal viguesa non pode seguir dependendo de subvencións puntuais ás compañías aéreas (como o que plantexa o PP) nin da competición entre aeroportos galegos, senón dunha política coordinada da Xunta e do Estado que permita consolidar rutas, mellorar os accesos e a conexión intermodal, abrir a terminal 24 horas, potenciar o transporte de mercadorías, recuperar a torre de control presencial e crear un servizo de autobús exprés entre Vigo e Peinador. Para o BNG, o verdadeiro pacto por Peinador, segundo dixo a deputada Manuela Rodríguez, debe servir para cooperar e complementar as tres terminais galegas e competir con Sá Carneiro, “non para alimentar unha guerra entre cidades”.
En relación coa moción do PP sobre Ceuta, Mosquera reclamou “baixar o suflé” do discurso belicista da dereita española e cuestionou directamente cales son as súas pretensións. Advertiu de que o Partido Popular está a adoptar unha posición “máis belicista incluso que a que tiña o franquismo”, lembrando que foi precisamente durante a ditadura cando España puxo fin ao Protectorado sobre Marrocos, devolveu Cabo Juby e o Sahara.
“Que queren facer? Crear un ICE español?”, preguntou ironicamente Mosquera. Advertiu que tempo atrás, tras os atentados do 11S -do que hoxe é precisamente aniversario- “o espírito guerreirista” da dereita levou a episodios “chuscos” como a invasión de Perejil e o Pacto das Azores e a participación na guerra de Irak. “Están a dar un espectáculo. (…) Agardamos que se tranquilicen”, finalizou.

