O Auditorio Municipal acolle este sábado a presentación do libro de Betty León Fong “Da soia ao grelo cociña galego-chinesa”

Redacción

A autora, afincada en Nigrán desde hai décadas, condensa neste recetario a súa propia historia familiar

O Concello de Nigrán acolle este sábado 14 de novembro ás 11:30 horas no Auditorio Municipal a presentación do libro ‘Da soia ao grelo. Cociña galego-chinesa’, escrito pola veciña de Priegue Betty Leon Fong e editado por Galaxia. Acompañando á autora estarán Iñaki Álava, investigador e profesor xubilado do Basque Culinary Center; e Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol e conselleiro da editorial Galaxia. A entrada é de balde ata completar aforo.

Este primeiro receitario de cociña galego-chinesa escrito en galego e prologado polo estrella Michelín Rafa Centeno recolle en cada elaboración a propia historia vital e familiar de Betty León, catedrática de Física xubilada e afincada en Nigrán desde hai décadas. China, Galicia e o Caribe están presentes en cada prato porque a autora, filla de cantoneses, naceu en Panamá e realizou os seus estudos superiores en Europa, afincándose na nosa comarca hai case medio século (exerceu como catedrátina na Universidade de Vigo ata a súa xubilación no ano 2010). León posúe unha ampla biblioteca de libros de cociña e desde os 18 anos recreouse cociñando para ela, a familia e amizades. A cociña, a pintura e a música son as súas paixóns actuais.

En 2023 concedéronlle o primeiro premio no Certame Literario-Gastronómico ‘Yo soy de Montalbán’, con motivo do XX aniversario do falecemento de Manuel Vázquez Montalbán, onde se requiría redactar unha nova receita inspirada nalgunha novela de Pepe Carvalho, ao tempo que escribir un texto literario que a integrase nunha pasaxe do libro elixido, no seu caso, ‘Los pájaros de Bangkok’. As receitas gañadoras, “pato con Hoisin” e “flan de ovo ao baño maría”, figuran neste libro.

Comparte este artigo