O BNG aposta nunha transición ecolóxica xusta para Galiza fronte ao “espolio colonial e a depredación”

Redacción

Defenderá no Congreso a plena capacidade para decidir en materia de medio ambiente e un proxecto alternativo ante a emerxencia climática de cara ás eleccións xerais do 29N

Roberto Pascual: “No Bloque non imos a tolerar a destrución do noso patrimonio natural en beneficio de intereses de empresas alleas”

Xabier P. Igrexas: “Precisamos soberanía para cortar o paso a políticas que tratan Galiza como territorio de sacrificio”

VO Bloque Nacionalista Galego (BNG) aposta nunha transición ecolóxica xusta fronte ao “espolio colonial e a depredación ambiental”. A fronte nacionalista defenderá en Madrid a plena capacidade da Galiza para decidir en materia de medio ambiente e sobre os seus recursos de cara ás eleccións xerais do 29 de novembro.

O candidato do BNG ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra, Roberto Pascual, canda o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, comprometeuse a traballar por un “sistema alternativo á degradación do medio, a política extractivista e o espolio enerxético” que ameazan o patrimonio natural. “Galiza non é unha colonia ao servizo dos intereses alleos”, afirmou.

Pascual subliñou que defender o territorio “significa poder vivir dignamente del, con garantías ambientais e actividades económicas innovadoras que respecto o noso medio”. Un obxectivo para o que demandou máis autogoberno coa transferencia das competencias nesta materia para que o control das decisións políticas e das normas legais que afectan de forma directa a Galiza non se decidan en Madrid.

Dende o Bloque consideran ademais que a resposta ante a crise climática ten que poñer o foco nas causas estruturais, combatendo a quen pretende incrementar os lucros a costa do medio ambiente. Por este motivo, chaman a superar o actual modelo de dependencia que converteu Galiza en fornecedora de materias primas e enerxía a costa de elevados custos sociais e ambientais.

O candidato do BNG sinalou como exemplo desta emerxencia a recorrencia e intensidade dos grandes incendios forestais, para o que esixiu unha nova orientación das políticas estatais que avancen na recuperación do bosque autóctono e a diversificación de usos fronte ao “actual monocultivo do eucalipto ao servizo de grandes intereses industriais”. Aliás, pediu recoñecer xuridicamente a propiedade comunal do monte, coa modificación do Código Civil, que recoñeza esta figura que supón a cuarta parte do territorio galego.

Para a fronte nacionalista é urxente garantir que a tramitación ambiental de plans de enerxías renovábeis e de explotación de recursos minerais conten con participación social e transparencia. Nesa liña, o programa electoral do BNG demanda tamén un sistema de fiscalidade ambiental que permita modificar os impactos negativos destes proxectos.

Couto á eólica e minería depredadora

A ese respecto, defenden declarar o litoral galego como espazo non apto para a instalación de eólica mariña así como rectificar a lexislación que permite que as grandes empresas enerxéticas decidan onde instalan macroparques eólicos sen control e revisar aqueles xa aprobados para paralizar os máis lesivos.

No relativo á protección da biodiversidade, Pascual reclamou a transferencia dos recursos financeiros destinados á rexeneración de espazos degradados e o control de especies foráneas invasoras, cunha rede de alerta temperá ante estes casos. Aliás, defendeu garantir a aplicación dos acordos internacionais nesta materia.

Incidiu nas políticas de xestión de residuos, apostando na redución, recuperación e reciclaxe coa priorización da compostaxe fronte á cultura de “usar e descartar” e no descontrol no gasto de recursos como a auga. Salientou tamén a necesidade de avanzar no saneamento integral real e na rexeneración ambiental e produtiva das rías galegas.

Soberanía fronte ás ameazas na comarca de Vigo

De por parte, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, insistiu na urxencia de “soberanía para cortar o paso a políticas que tratan Galiza como territorio de sacrificio”, rexeitando as “falsas coartadas ecolóxicas que só insisten na destrución do noso territorio”. Puxo como exemplo o proxecto de macroparque de eólica mariña a apenas 50 quilómetros do litoral da cidade e das Illas Cíes, ou a ameaza da eólica en espazos naturais como a Serra da Groba, con afectación en varios concellos da comarca.

“Fronte a un modelo asentado na depredación ambiental e territorial para seguir a alimentar o espolio colonial do noso país, coa extracción masiva de recursos en beneficio dos intereses da oligarquía empresarial, o BNG apostamos por unha transición ecolóxica xusta, defendendo o exercicio da plena capacidade de decisión do noso País sobre os seus propios recursos”, remachou.

Comparte este artigo