A fronte nacionalista alerta de que o Concello deixou o pasado ano 150 millóns sen gastar mentres incrementa a presión fiscal, as privatizacións e o abuso dos contratos menores
Revela que case a metade das obras remataron custando máis do inicialmente previsto e no 86 % dos contratos apareceron excesos de medición próximos ao límite legal
Xabier P. Igrexas: “A Conta Xeral de 2025 destripa a propaganda e demostra o moito que o Goberno municipal deixou de facer polas viguesas e polos vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) cargou este luns no Pleno de Vigo contra a xestión económica do Goberno de Abel Caballero. Durante os debates da Conta Xeral e dos informes de control financeiro, o portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas, denunciou unha “inexecución orzamentaria crónica de nivel olímpico”, que o pasado ano acadou os 150 millóns de euros, así como o avance das privatizacións de servizos e do abuso dos contratos menores.
“A Conta Xeral é o espello do seu desgoberno, un documento que destripa a súa propaganda e demostra o moito que este Goberno deixou de facer polas viguesas e polos vigueses”, replicou Igrexas. Criticou que o Goberno local presuma de superávit cando acumula un remanente líquido de tesourería de 225 millóns de euros. “Non é un motivo de orgullo, é un monumento á ineficacia”, afirmou.
Uns remanentes que, afeou, se acumulan en contas bancarias mentres “milleiros de familias viguesas sofren a carestía da vida, os barrios da cidade seguen esquecidos e os servizos públicos colapsan”. Igrexas cualificou de “irresponsabilidade política maiúscula” esta xestión, por deixar un de cada tres euros do orzamento do pasado exercicio sen executar, e que se repite exercicio tras exercicio.
Sen investimentos nin persoal
No capítulo destinado a investimentos, subliñou o portavoz municipal do BNG, o 75% dos recursos previstos para 2025 non se gastaron, mentres continúa a incrementar a presión cunha suba xeral das taxas municipais. “Esprémese fiscalmente ás viguesas e vigueses para despois deixar os cartos mortos de risa nas entidades financeiras”, reprochou.
Igrexas cargou tamén contra a falla de recursos destinados a persoal municipal, co 18% do orzamento sen gastar o pasado ano mentres hai 435 prazas sen cubrir -entre elas de axentes da Policía Local, de Bombeiros, traballadoras sociais ou persoal administrativo- dun total de 1.423 postos de traballos. “O seu modelo é non cubrir as prazas, deixar que o servizo se degrade, sobrecargar ao persoal existente e retrasar as Ofertas de Emprego Público unha media de tres anos”, advertiu.
A xuízo da fronte nacionalista, esta política busca “desmantelar o público para poñer alfombra vermella á privatización”, con 135 millóns de euros do presuposto (un 65% do total) destinados a servizos baixo xestión indirecta e externalizados. “Converteron este Concello nun caixeiro automático para as grandes multinacionais de servizos”, acusou o voceiro do Bloque. Puxo como exemplo o caso de Vitrasa, que opera baixo unha prórroga forzosa “absolutamente opaca”, recibindo 19 millóns de euros cun servizo deficiente.
Abuso dos contratos menores
Durante o debate plenario dos plans de control financeiro, o BNG asegurou que os documentos elaborados pola Intervención Xeral do Concello revelan un “problema estrutural de falta de planificación, de insuficiente control interno e unha preocupante normalización de prácticas que deberían ser excepcionais”.
Entre elas, Igrexas desvelou que o 93,1% dos contratos do Concello son hoxe contratos menores, con advertencias sobre o fraccionamento de pagos polos atrasos na tramitación e a utilización masiva da adxudicación directa. Os informes evidencian ademais que case a metade das obras executadas remataron custando máis do inicialmente previsto e no 86 % dos contratos apareceron excesos de medición moi próximos ao límite legal.
Eivas que afectan tamén á Xerencia Municipal de Urbanismo, onde o sistema é incapaz de facer efectivas as sancións o que supón “converter en papel mollado” as actuacións diante de ilegalidades urbanísticas. “O resultado é unha administración que transmite unha inaceptábel sensación de impunidade fronte ás infraccións e que, ademais, deixa de ingresar recursos que pertencen ao conxunto da cidade”, criticou o portavoz do BNG.
No caso das subvencións, alertou de que o 52% non foron publicadas na Base de Datos Nacional de Subvencións, incumprindo obrigas legais básicas de transparencia, e foron detectadas graves deficiencias nas xustificacións, ausencia de documentación e importantes dificultades para verificar o destino efectivo dos fondos públicos.
“As viguesas e vigueses merecen un Goberno que xestione con rigor cada euro público, asuma as recomendacións dos órganos de control e entenda que a transparencia, a boa xestión e a rendición de contas non son unha opción política: son a esencia dunha administración democrática ao servizo da cidadanía”, remachou Igrexas.

