Lanza a campaña ‘Na Galiza: paz, soberanía, dereitos’ fronte ás consecuencias sociais da guerra e en rexeitamento do desfile en maio das Forzas Armadas españolas en Vigo
Lucía López: “O BNG defendemos unha alternativa clara: a neutralidade, a saída da OTAN, a redución do gasto militar e a devolución dos espazos militares ao pobo galego”
Xabier P. Igrexas: “Non se pode pregoar o ‘Non á guerra’ e despois promover un acto de exaltación militarista e españolista presidido pola monarquía”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama á mobilización contra o aumento do gasto militar, a escalda bélica imperialista e as súas consecuencias sociais. A fronte nacionalista vén de presentar este martes en Vigo a campaña ‘Na Galiza: paz, soberanía, dereitos’, que vai desenvolver durante os vindeiros meses, para esixir que os Gobernos estatal e galego deixen de “alimentar a industria da guerra”.
“Estamos a vivir un momento crítico na historia da humanidade, onde os Estados Unidos e a OTAN intentan morren matando, construíndo inimigos para xustificar a guerra”, denunciou a secretaria nacional de organización do BNG, Lucía López, nunha rolda de prensa xunto ao portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e representantes institucionais e orgánicos da fronte nacionalista na comarca.
López alertou de que esta deriva bélica é “unha clara ameaza para a paz mundial que só trae destrución e sufrimento para os pobos agredidos” así como “consecuencias directas” para a vida a cidadanía galega e viguesa en forma de carestía da vida, alza dos prezos, presión enerxética e perda de poder adquisitivo.
Fronte a este contexto, o Bloque defendeu unha “alternativa clara”: a neutralidade, a saída da OTAN, a redución do gasto militar e o investimento en servizos públicos e servizos sociais, a devolución dos espazos militares en Galiza e a oposición a calquera intento de recuperar o servizo militar obrigatorio.
A secretaria de Organización do BNG denunciou a “actitude absolutamente submisa ao servizo das estratexias do imperialismo” por parte da Unión Europea, e acusou tamén aos Gobernos español e galego de ter responsabilidades políticas neste contexto. “O PP está totalmente aliñado e entregado á guerra imperialista, mentres o PSOE impulsa o maior aumento do gasto militar da historia recente”, criticou.
Aumento do gasto militar
Dende o BNG cuestionaron o aumento do 2% do PIB en materia de defensa por parte do Goberno estatal o pasado exercicio, arredor de 34.000 millóns de euros, o que representa un 45% de incremento a respecto do ano 2024. Afearon a ese respecto que ningunha outra partida, como sanidade ou educación, rexistraran unha suba similar.
Para exemplificar a magnitude deste aumento do gasto militar, López sinalou que só a compra do último lote dos mísiles Patriot, que vén de adquirir o Goberno español aos Estados Unidos, permitiría rescatar até tres veces a concesión da autoestrada AP-9 para facela pública, galega e libre de peaxes.
Do mesmo xeito, a fronte nacionalista acusou á Xunta de Galiza de “desviar recursos públicos á industria militar”, denunciando a promoción de proxectos no ámbito da defensa, xunto coa multinacional Indra, para que os que prevé gastar 200 millóns de euros. “Con cartos de todas as galegas e galegos alimentan a lóxica militarista mentres os servizos públicos esmorecen”, lamentou López.
Contra o desfile das Forzas Armadas
Entre as accións da campaña, o BNG reiterou o seu firme rexeitamento á celebración en maio do desfile das Forzas Armadas en Vigo. O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, esixiu que o Goberno estatal cancele este acto de “exaltación militarista e españolista” e reclamou que o Concello “non colabore directa ou indirectamente” na súa organización.
Para o Bloque este desfile “non se trata dun acto neutro senón de propaganda” para normalizar o militarismo e xustificar unha carreira armamentística que, advertiron, só beneficia ás grandes potencias e á industria da guerra. “Non se pode pregoar o ‘Non á guerra’ e despois encher as rúas de Vigo de soldados e armas nun acto presidido pola monarquía”, criticou Igrexas en relación ao PSOE, acusándoo de defender un “pacifismo de cartón pedra”.
Dende a fronte nacionalista fixeron un chamamento á mobilización social, entre elas a participar na manifestación nacional convocada pola Plataforma Galiza pola Paz na cidade o 30 de maio, coincidindo coa eventual celebración do desfile, para “impedir que Galiza e Vigo sexan escenario da propaganda bélica”.

