O BNG de Meaño convoca unha concentración en defensa dunha Atención Primaria digna

Redacción
Lectura mínima de 2

Fai un chamamento á participación nesta mobilización o sábado 2 de maio, ás 12:00 horas, diante do Centro de Saúde de Meaño

O BNG de Meaño continúa denunciando o progresivo deterioro da atención sanitaria no Centro de Saúde de Meaño, cualificando a situación de “moi grave”, con listas de agarda de ata 30 días para poder ser atendidas e atendidos por un facultativo. A formación nacionalista esixe actuacións urxentes ao PP na Xunta de Galiza e á Consellaría de Sanidade, ao tempo que chama á veciñanza a participar na concentración que terá lugar o vindeiro sábado ás 12:00 horas diante do centro de saúde.

A portavoz nacionalista, Rosana Domínguez, criticou o “desmantelamento da sanidade pública” en Meaño e reclamou á Consellaría de Sanidade a cobertura inmediata da baixa do médico a xornada completa, unha situación que está a provocar unha importante sobrecarga na axenda da outra facultativa do centro.

“A falta de médicos en Meaño fai que moitos veciños e veciñas teñan que recorrer á sanidade privada para poder seren atendidos e atendidas”, denunciou Domínguez, quen considera que existe unha clara intención de favorecer a privatización da sanidade pública galega por parte do PP na Xunta de Galiza.

Por todo isto, o BNG de Meaño anima á veciñanza a saír á rúa este sábado en defensa dunha sanidade pública galega digna e de calidade, e para esixir as medidas necesarias que poñan fin aos recortes de persoal e ás listas de agarda que están a prexudicar á cidadanía.

Na concentración, participará a deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado, responsable da Área de Sanidade.

Comparte este artigo