O BNG de Poio advirte de máis atrasos nas obras do parque de Vilariño por falta de previsión na detección de problemas co terreo

Redacción

Marga Caldas explica que os informes municipais desvelan a necesidade dun proxecto modificado para garantir a durabilidade e seguridade do equipamento

O BNG de Poio vén de alertar dos retrasos que está a sufrir a execución das obras do parque polideportivo de Vilariño debido á falta de previsión e planificación na detección de problemas técnicos durante a fase inicial dos traballos. O grupo municipal nacionalista advirte de que a actuación aínda se demorará no tempo pola necesidade dun proxecto modificado que corrixa os contratempos que xurdiron.

A voceira Marga Caldas destaca que, a pesares de que o goberno local negou en reiteradas ocasións a existencia de problemas, os propios informes municipais recentes desvelan que, unha vez iniciadas as obras, detectouse a presenza de rocha nos lindes duns galpóns próximos, o que complicou as operacións de escavación e picado mecánico, alertando de posibles danos estruturais. Isto obriga a reconsiderar e revisar a solución proxectada orixinalmente.

Ademais, engade Caldas, identificouse tamén o afloramento dunha cantidade “significativa” de auga subterránea na zona, polo que será necesario deseñar solucións específicas de drenaxe e estabilización para garantir a durabilidade e seguridade do equipamento.

Ante esta situación, o BNG esixiu no último Pleno ao goberno local maior transparencia e responsabilidades ante o que cualifica como unha mostra clara de ocultismo e falta de planificación adecuada. A formación nacionalista insta á redacción urxente do proxecto modificado necesario para que se adapte ás novas circunstancias, advertindo que os feitos demostran que a execución das obras do parque se demorarán aínda varios meses máis.

Caldas lembra que o Concello de Poio anunciou a “bombo e platillo” en setembro que a pista polideportiva sería unha realidade antes de rematar o ano. A obra estaba programada para comezar en outubro, cun prazo máximo de tres meses.

Para o BNG a maneira de actuar do Partido Popular, con Moldes á cabeza, evidencia unha vez máis a necesidade de mellorar a xestión e planificación dos proxectos para garantir a súa correcta execución e o cumprimento dos prazos anunciados. “Cando hai que actuar nunha zona, o mínimo é estudar o terreo previamente para despois non atopar sorpresas. Saír coma un campión anunciando a actuación e despois ter que agochar a nefasta xestión é algo ao que Moldes, desgrazadamente, xa nos ten acostumadas”, lamenta Caldas.

Comparte este artigo