O BNG de Poio denuncia o caos provocado polo tráfico pesado na PO-308 polas obras da avenida da Barca

Redacción

Marga Caldas advirte de que a reforma “debería mellorar o presente e non crear novos perigos”

Pide explicacións a Moldes por executar a actuación sen ter previsto os atascos que se producen e reclama solucións “enriba da mesa”

O BNG de Poio vén de denunciar os problemas de seguranza viaria que se están a producir na PO-308 á altura da avenida da Barca na zona na que se está a facer a reforma, onde hai “un paso extremadamente reducido”. O cruzamento entre camións e outros vehículos está xerando situacións de risco evidentes tanto para a circulación motorizada como para as persoas como a que se produciu o pasado sábado, cando se xerou un importante atasco. A situación agrávase, ademais, pola ausencia de iluminación pública polas noites.

A portavoz municipal do BNG Marga Caldas considera especialmente preocupante que non se teñan previsto adecuadamente estas situacións de dificultades de circulación antes do inicio dos traballos. “Como se pode executar unha actuación así sen prever estas situacións? As obras públicas deberían mellorar o presente, non crear novos perigos. O goberno de Ángel Moldes debe dar explicacións e poñer solucións enriba da mesa”, reclama.

Segundo Caldas, durante as obras os trailers de grandes dimensións e autobuses deberían estar pasando obrigatoriamente polo Vao de arriba. Porén, a maior parte acaba entrando na zona dos traballos onde non hai espazo suficiente para realizar os cruzamentos con normalidade. “Hai un total descontrol. Non pode ser que a resposta sexa deixar que se produzan situacións de perigo”, sinala Caldas.

Para o BNG, o goberno local debe actuar de maneira inmediata e asegurar unhas condicións mínimas de seguridade para peóns e vehículos. O grupo nacionalista advirte de que os problemas non desaparecerán simplemente deixando pasar os días, porque existe unha cuestión estrutural que non se pode ignorar de cara ao futuro: a sección da PO-308 nese punto é e vai ser a que é segundo está fixado no proxecto. “Se se reduce o espazo de circulación e ao mesmo tempo se permite que sigan entrando vehículos pesados, os problemas de cruzamentos, retencións e riscos van continuar. Non se pode facer como se esta realidade non existise”, apunta Caldas.

O Bloque alerta ademais doutro problema que se repite de maneira continuada durante a execución das obras: un treito bastante amplo da zona permanece desde hai días sen alumeado público. Caldas indica que a falta de iluminación supón un risco engadido para as persoas viandantes, especialmente ao anoitecer, xa que dificulta mesmo a visibilidade dos pasos de peóns. “Non estamos a falar dun problema puntual dunha noite. É unha situación que se repite e que afecta directamente á seguridade das persoas que camiñan por esta zona”, advirte a portavoz nacionalista.

Caldas considera que as obras deben executarse garantindo en todo momento a seguridade e a mobilidade da veciñanza e reclama ao goberno de Ángel Moldes que deixe de mirar para outro lado, explique que está a acontecer e adopte medidas e solucións concretas. Subliña que a formación nacionalista sempre defendeu historicamente a necesidade de transformar a PO-308 para deixar atrás a súa configuración como estrada puramente de tránsito e convertela nunha vía urbana segura e accesible. “Ese obxectivo, polo que vemos, está lonxe de conseguirse”, advirte.

Comparte este artigo