O BNG de Poio leva ao Pleno unha moción para recuperar as urxencias dos sábados no centro de saúde de Anafáns

Redacción

A voceira Marga Caldas reclama tamén a cobertura das vacantes médicas e a reactivación do centro de saúde nos terreos da Canteira

O BNG de Poio defenderá no próximo Pleno unha moción para esixir ao Sergas a recuperación inmediata da atención médica de urxencias os sábados pola mañá no centro de saúde de Anafáns, un servizo que vén de ser suprimido o pasado 30 de maio. A voceira Marga Caldas considera que o peche representa “un novo paso atrás no desmantelamento progresivo da atención sanitaria pública en Poio” e alerta das consecuencias que terá para a veciñanza, especialmente para a poboación de maior idade e para quen non dispón de medios de transporte propios.

O Bloque lembra que a eliminación das urxencias dos sábados obriga a veciñas e veciños a desprazarse ata o PAC da Parda en Pontevedra para recibir atención médica urxente, o que provocará unha maior saturación deste dispositivo e incrementará os tempos de espera. Amais, subliña que o recorte chega ás portas do verán, cando Poio experimenta un importante incremento da poboación debido á afluencia turística, facendo aínda máis necesaria a existencia dunha atención sanitaria suficiente e “de proximidade”.

Caldas destaca que coa última reorganización do Sergas o PAC da capital do Lérez será o centro de referencia para a atención urxente de Primaria non só de Poio, senón tamén de Soutomaior, A Lama, Ponte Caldelas, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Vilaboa. “Todo apunta a que as veciñas e veciños de Poio sufrirán máis saturación, máis tempos de espera e máis dificultades para acceder á atención. As colas van ser inasumibles”, advirte a portavoz nacionalista, quen subliña que moitas persoas acabarán acudindo directamente ás urxencias de Montecelo para resolver problemas que deberían ser atendidos na Primaria.

Por todo isto, o BNG solicita que o Pleno de Poio pida á Consellería de Sanidade e ao Sergas que reconsidere “de xeito inmediato” a súa decisión e que volva abrir o consultorio de Anafáns os sábados con persoal médico suficiente. Na moción, o grupo municipal tamén reclama á Xunta a cobertura de todas as vacantes e ausencias de profesionais sanitarios no municipio poiense, tanto en Medicina de Familia como en Pediatría, e esixe que se reactive e acelere de maneira efectiva o proxecto do novo centro de saúde previsto nos terreos da Canteira, unha infraestrutura que continúa sen avances.

Para o BNG, o goberno de Moldes debe posicionarse claramente e asumir un papel activo na defensa da sanidade pública e dos dereitos da veciñanza de Poio, trasladando con firmeza estas reivindicacións ao goberno galego e á Xerencia da Área Sanitaria, en lugar de “permanecer pasivo” e “poñerse de perfil para non incomodar á Xunta”. “É obriga ineludible do Concello de Poio defender con firmeza os dereitos básicos da súa veciñanza”, finaliza Caldas.

Comparte este artigo