O BNG de Poio pregunta a Moldes que destino dará o Concello á escultura da glorieta da Barca que relaciona a orixe de Colón co municipio

Redacción

Marga Caldas reclama explicacións ao goberno do PP ante o anuncio da instalación dunha pantalla 360º

O BNG de Poio preguntou hoxe ao goberno municipal polo destino das esculturas realizadas pola Escola de Canteiría que se atopaban na glorieta da Barca, despois de coñecer o anuncio do executivo do PP de instalar neste espazo unha pantalla 360º. A voceira nacionalista Marga Caldas solicitou explicacións sobre o futuro das pezas na comisión de Urbanismo e reclamou que reciban un tratamento acorde co seu valor cultural e simbólico no caso de ser retiradas da súa localización orixinal polas obras da PO-308.

Para o BNG, estas esculturas non son simples elementos ornamentais que se poidan cambiar sen máis consideracións. Caldas subliña que se trata dunha obra representativa da identidade de Poio, que pon en valor a tradición da canteiría local ao tempo que subliña a relación que o municipio ten con Colón e a chegada a América, unha consideración que comparte tamén moita veciñanza, que entende que a peza debe conservarse e ocupar un lugar destacado, e se ten amosado preocupada polo cambio sen recibir explicacións.

A obra de pedra, realizada no ano 2001 polo escultor Armando Martínez coa colaboración da Escola de Canteiría é unha figura destacada no Rexistro de Bens de Poio dentro do apartado de Escultura e Arte, foi concibida para dar máis contido cultural á glorieta da Barca, aproveitando a presenza previa de varios escudos hispanoamericanos, incorporando a teoría da orixe poiense de Cristovo Colón ao conxunto.

Marga Caldas considera que a instalación dunha nova pantalla na glorieta da Barca non pode servir de escusa para que o Concello se desentenda do patrimonio existente sen máis. “Queremos saber que vai pasar coas esculturas, e que pensa facer o goberno municipal con elas. É unha obra que forma parte da memoria colectiva de Poio e que merece un tratamento digno, non que desapareza sen explicacións nin se garde nun lugar calquera”.

A voceira nacionalista defende que, se a nova configuración da glorieta impide manter as esculturas no seu emprazamento orixinal, o Concello debe propoñer unha proposta de localización alternativa que estea á altura do seu valor. O BNG reclama, así, transparencia sobre as decisións adoptadas arredor destas pezas e garantías de que non se vai perder nin deteriorar un elemento do patrimonio cultural e artístico do municipio.

Comparte este artigo