O BNG denuncia o estado de abandono total no que se atopna varios parques infantís do rural de Sanxenxo

Redacción

Os nacionalistas alertan da falta de coidados e de mantemento, de elementos de xogos en mal estado e de ausencia de limpeza en moitas áreas de lecer en Nantes, Bordóns, Portonovo ou Adina

O Bloque insta ao Goberno local a que actúe canto antes, tendo en conta que comezan as vacacións de verán para a rapazada, e sinala que esta situación “reflicte á perfección a política de formigón de Telmo Martín, a quen só lle preocupa Silgar”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia o lamentable estado no que se atopan varios parques infantís do municipio. As deficiencias, a falta de mantemento e a suciedade que, por desgraza, se poden atopar nestes espazos, destinados ao lecer das crianzas, “son o exemplo perfecto da falta de interese que ten o señor Telmo Martín polo rural”, sinalan os nacionalistas. Aparellos en mal estado (en moitos casos, mesmo con madeiras rotas e restos que poden poñer en perigo a integridade física de usuarios e usuarias), superficies deterioriadas ou exceso de maleza son algunhas das deficiencias que foron denunciadas en varias ocasións pola veciñanza, sen que o Goberno local do Partido Popular tomase medidas.

Bo exemplo deste flagrante desinterese polo rural queda demostrado no estado no que se atopa o parque infantil de Nantes. A pesares de ser un enclave moi utilizado por nenos e nenas de diferentes idades, e que se atopa nas proximidades do pavillón, varios dos elementos de xogo están rotos, unha situación que, segundo denuncian veciños e veciñas da parroquia, leva así moito tempo. Un aspecto semellante presentan outras áreas de xogo en lugares como Baltar, San Roque ou Bordóns.

Desde o Bloque lamentan especialmente o feito de que os parques infantís presenten este estado dan deplorable precisamente cando están a piques de comezar as vacacións escolares. “O verán está ás portas, co curso a piques de rematar, e os nenos e nenas de Sanxenxo, especialmente os que non viven nos grandes núcleos, non contan con espazos axeitados e seguros para xogar ao aire libre, o que demostra, unha vez máis, que para o señor alcalde hai veciñanza de Primeira e de Segunda no nosos municipio”, denuncia o BNG.

Os nacionalistas ironizan co feito de que o Concello non teña tempo para poñer a punto os parques infantís, “seguramente porque para Telmo Martín agora mesmo o único importante é poder adoquinar Silgar. Pero esta imaxe de abandono do noso rural é a que o alcalde quere transmitir á veciñanza e ás persoas que nos visitan”. Este abandono tamén queda patente no parque canino de Adina, totalmente inutilizable desde hai xa varios anos. “Foi un proxecto tramitado polo Goberno do tripartito que desde o primeiro momento Partido Popular quixo torpedear. Levouno a cabo porque non tivo máis remedio, pero
acabaron por estragar máis de 20.000 euros de fondos da Deputación.

A día de hoxe a parcela non conta con peche, nin elementos de xogo, e está abandonado por completo, outro selo máis da política de formigón de Telmo Martín”, critica o Bloque.

No BNG advirten de que “o verán comeza na mesma tónica que o resto do mandato do Partido Popular: moito cemento e moita obra para Silgar e arredores, e esquecemento absoluto e déficit de servizos para o rural de Sanxenxo”.

Comparte este artigo