O BNG insta ao Goberno Local a que impulse accións para poñer en valor o conxunto megalítico do Chan da Gorita

Redacción
Lectura mínima de 4

A edil Estrella Martínez lembra que o alcalde e o Partido Popular levan anos prometendo actuacións na zona, sen que se leven a cabo, pese a ser un espazo con mámoas e restos de máis de 6.000 anos de antigüidade

O Bloque denuncia que o estado de abandono das mámoas “é fiel reflexo do nulo interese do señor Martín por promocionar e difundir a riqueza do noso patrimonio; o seu único interese é saír na foto”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo solicita ao alcalde, Telmo Martín, que dunha vez por todas faga realidade as súas promesas, que levan anos no tinteiro, sobre o suposto interese do Goberno local do PP en poñer en valor o Chan da Gorita, un conxunto megalítico con mámoas e restos cuxa antigüidade remóntase ao ano 4.000 antes de Cristo. Un espazo único que, por desgraza, esta totalmente esquecido polo Partido Popular. A edil nacionalista, Estrella Martínez, ten claro que a situación de abandono desta área de gran valor patrimonial e histórico “é fiel reflexo do nulo interese que ten o señor Telmo Martín polo patrimonio de Sanxenxo”.

Martínez lamenta os anos de inacción por parte do Concello á hora de promover accións que sirvan para promocionar e poñer en valor o Chan da Gorita. A pesar de que o Goberno local prometeu en varias ocasións a realización de actuacións de mellora e recuperación, estas seguen sen facerse realidade. “Non existe nin un mínimo mantemento, nin se aposta por realizar unha sinalización axeitada. Tampouco hai interese en promocionar a historia do Chan da Gorita, a pesares do seu gran atractivo”, denuncia a edil nacionalista. O BNG critica que o Goberno de Telmo Martín presuma de distintivos turísticos “cando é incapaz de dar valor á riqueza do noso patrimonio”. Desde o Bloque recordan que “o señor Martín saca moito peito por prometer novas sendas, pero despois esquécese por completo do seu mantemento, algo que é xa un clásico do seu ‘modus operandi’: anunciar obras para saír na foto e, despois, desentenderse por completo”. Proba disto é non só o abandono do Chan da Gorita, senón tamén o deterioro e a falta de mantemento que sofren actualmente a Ruta dos Muíños de Bordóns ou a senda do río Pintillón, en Dorrón. “O único que lle interesa a Telmo Martín é saír na foto e continuar coa súa política de formigón, centrada no Paseo de Silgar e no Porto Deportivo”, denuncian os nacionalistas, que inciden en que estas políticas pasan factura á imaxe de Sanxenxo. O desinterese pola tradición, a historia e o patrimonio local por parte do alcalde tamén quedou de manifesto este ano coa falta de organización de iniciativas por parte do Concello para celebrar a Romaría do Con da Ventureira, o pasado Luns de Pascua.

Desde o Bloque lembran que o Chan da Gorita é un espazo que suscita un gran interese e que “hoxe en día segue a ser un atractivo para moita xente, grazas ao esforzo e ao traballo que desenvolven asociacións como Andarela, cuxas visitas guiadas sempre contan cunha grande participación.

Comparte este artigo