O BNG considera que a concentración do 2 de setembro é unha iniciativa unilateral que contribúe á confrontación política e, defende que a solidariedade ante a situación humanitaria debe traducirse en políticas de acollida, respecto aos dereitos humanos e solucións responsables, e non na criminalización das persoas migrantes
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) non participará na concentración convocada, o mércores 2 de setembro, pola presidencia da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en relación coa situación de Ceuta. A formación nacionalista considera que se trata dunha iniciativa promovida de maneira unilateral polo Partido Popular (PP), sen acordo co resto dos grupos políticos que forman parte da Federación, e que contribúe a introducir a inmigración como elemento de confrontación política.
Os nacionalistas expresan a súa condena e rexeitamento a calquera forma de violencia e manipulación política e a súa solidariedade ante a complexa situación humanitaria que se está a vivir en Ceuta e na fronteira, mais defenden que a resposta das institucións públicas debe partir sempre do respecto á dignidade, aos dereitos humanos e á convivencia.
Por este motivo, o BNG de Marín decidiu non participar na convocatoria. “Ceuta si; a súa utilización partidista, non. Non imos contribuír a converter unha situación humanitaria nun instrumento de confrontación política. A solidariedade demóstrase defendendo unha acollida digna, os dereitos humanos e solucións responsables, non sinalando nin criminalizando ás persoas migrantes”, manifestou a súa portavoz municipal, Lucía Santos.
Santos defendeu ademais que os concellos teñen unha responsabilidade especial á hora de favorecer a convivencia e evitar discursos que sinalen ás persoas pola súa procedencia, e subliñou que “Marín debe estar sempre do lado dos dereitos humanos, da convivencia e dunha resposta responsable ante as situacións migratorias”.
A organización nacionalista amosou tamén a súa preocupación pola extensión de discursos que pretenden vincular a inmigración coa inseguridade ou co deterioro dos servizos públicos, e considera especialmente irresponsable utilizar as dificultades sociais e económicas con fins partidistas.
“Quen chega a Galiza ou a outros territorios do Estado buscando unha oportunidade ou unha vida mellor non é responsable da falta de vivenda pública, das listas de espera na sanidade nin das carencias dos servizos. Eses problemas soluciónanse con políticas públicas e recursos, non buscando chibos expiatorios”, concluíu o BNG.

