Marga Caldas denuncia que o Concello pretende eliminar a protección dun espazo costeiro de alto valor ambiental en Raxó para favorecer intereses privados cun expediente “cheo de irregularidades”
O Bloque Nacionalista Galego de Poio vén de formalizar por rexistro no Concello as súas alegacións contra a modificación puntual número 15 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que o goberno local está a promover en Punta Sinás. A portavoz municipal, Marga Caldas, tacha de “pelotazo urbanístico” a iniciativa do PP de Ángel Moldes, polo que solicita a anulación completa do expediente e a súa retirada definitiva “por carecer de interese público, incumprir a normativa ambiental e estar cheo de irregularidades”.
Para o BNG, o executivo municipal está intentando utilizar unha modificación urbanística “á carta” para abrir a porta á construción de vivendas privadas nun dos espazos máis sensibles da costa de Raxó. A formación considera especialmente grave que o Concello pretenda eliminar a protección ambiental e paisaxística dun ámbito catalogado polo propio PXOM sen acreditar ningunha necesidade pública que o xustifique. “Estamos diante dun auténtico pelotazo. O goberno local quere facer desaparecer a protección dun espazo singular para beneficiar intereses particulares e está disposto a forzar a legalidade para conseguilo”, asegura Caldas.
A portavoz nacionalista lembra que existen importantes obstáculos legais para a operación. Entre eles, destaca o informe da Secretaría municipal que xa cuestionou a viabilidade da descatalogación (redactado en maio de 2025) e a existencia dunha sentenza xudicial anterior que impide precisamente o que agora pretende facer o Concello: eliminar a protección do espazo. Ambos documentos foron desoídos polo goberno local.
Segundo o Bloque, o expediente da modificación acumula eivas e irregularidades. As alegacións presentadas polo grupo municipal sinalan que o Concello non acredita en ningún momento as razóns de interese público que a lei esixe para modificar o planeamento urbanístico, limitándose a invocar unha suposta utilidade xeral que non aparece sustentada en ningún documento técnico nin xurídico. Pola contra, Caldas destaca que a modificación suporía incrementar a edificabilidade nunha zona de elevados valores ambientais e paisaxísticos situada ademais dentro da servidume de protección do litoral.
O BNG denuncia tamén que o expediente sometido a exposición pública está incompleto. Entre outras cuestións, non incorpora documentos que figuran no propio índice, carece dos informes técnicos e xurídicos municipais previos á aprobación inicial e presenta anomalías cronolóxicas nas sinaturas electrónicas de numerosos documentos.
Especialmente preocupante resulta, segundo o Marga Caldas, o tratamento da cuestión ambiental. As alegacións do BNG lembran que o propio acordo plenario establecía a necesidade de incorporar un Estudo Ambiental Estratéxico ao expediente, un documento que simplemente non existe. No seu lugar, o Concello presenta unha avaliación que, segundo o Bloque, minimiza os impactos ambientais e chega a conclusións arbitrarias sen a necesaria base técnica. Tampouco consta o informe previo da administración autonómica sobre a necesidade da avaliación ambiental. Para Caldas é “inaudito” que o goberno de Moldes pretenda eliminar a protección dun espazo litoral sen dispoñer da documentación ambiental esixida pola lexislación vixente.
As alegacións desmontan tamén o principal argumento empregado polo executivo municipal para promover a descatalogación. O Concello sostén que a protección de Punta Sinás responde a un erro do PXOM, mais o BNG lembra que a catalogación do ámbito non se debe á presenza dun elemento concreto (o monolito e o eucaliptal), senón aos valores paisaxísticos e á súa localización estratéxica sobre a ría, motivos que son plenamente vixentes.
A formación nacionalista critica ademais que a modificación ignore por completo a normativa específica do litoral galego e que se pretenda xustificar a operación coa futura creación dunha praza pública e dunha senda litoral sen achegar nin un só plano, proxecto ou documento técnico que permita avaliar esas actuacións. Para o BNG resulta evidente que eses obxectivos poderían acadarse sen necesidade de eliminar a protección ambiental do espazo.
“O goberno local está disposto a comprometer a protección dunha das últimas franxas costeiras sen urbanizar de Raxó e a poñer en risco o patrimonio paisaxístico do municipio para satisfacer unha expectativa urbanística particular. Loitaremos pola anulación do expediente e que se abandone definitivamente esta iniciativa contraria ao interese xeral”, subliña Caldas.

