O BNG propón a creación dun servizo de transporte a demanda en colaboración cos taxistas do municipio

Redacción

Os nacionalistas defenderán no Pleno ordinario de maio unha moción para solicitar ao Goberno local a dotación dun Taxi Rural, que sirva para garantir a mobilidade para a veciñanza do interior, especialmente entre as persoas maiores, as de diversidade funcional ou con menos recursos

O Bloque incide que esta medida, ademais de rachar coa “fenda de desigualdade” que padecen as persoas residentes nas parroquias do rural, tamén suporía un beneficio para os e as profesionais do sector en temporada baixa

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo presentará no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o luns 25 de maio, unha moción para instar ao Goberno local a que poña en marcha un servizo de transporte a demanda en colaboración cos taxistas locais. Sería esta unha prestación que tería unha dobre vantaxe, xa que, por unha banda, axudaría a “rachar coa fenda de desigualdade que padecen na actualidade as persoas residentes nas parroquias do interior”, ao mesmo tempo que suporía tamén un beneficio para os e as profesionais do sector en temporada baixa.

Os nacionalistas teñen claro que actualmente Sanxenxo precisa de ferramentas para mellorar a mobilidade no rural, algo que “é un dereito fundamental” e que actualmente é unha das grandes eivas que presenta o concello. Este Taxi Rural serviría para garantir a autonomía de persoas maiores, con diversidade funcional ou con menos recursos, que actualmente, debido ás carencias de transporte público existentes en parroquias como Dorrón, Bordóns, Nantes, Vilalonga e Noalla, precisan de terceiros para poder realizar calquera xestión nos núcleos principais. “O feito de acudir ao Centro de Saúde, retirar medicación nunha farmacia ou ir ao banco ou a cumprir cun trámite administrativo convértese nun obstáculo insalvábel, sendo unha condea social para os sectores más vulnerables da nosa poboación”, advirten desde o BNG. A dotación dun servizo de transporte a demanda é unha das peticións que con maior frecuencia trasladan os veciños e veciñas do rural de Sanxenxo, algo que os nacionalistas puideron constatar nas diferentes reunións e encontros organizados nos últimos meses nestas parroquias.
“Non estamos a falar dunha mera molestia loxística, senón dunha situación de illamento á que se ven sometidas persoas maiores, con diversidade funcional ou con menos recursos”, apuntan desde o Bloque, onde teñen claro que “o noso rural sobrevive nun escenario de desconexión e abandono en varios servizos, especialmente no que se refire á mobilidade, que é unha prestación que debería ser fío condutor para vertebrar o territorio. Este contexto vén motivado, denuncian desde o BNG, polo modelo de xestión do Partido Popular, que “proxecta de cara a o exterior unha imaxe de capital turística moderna, dotada de grandes infraestuturas e facendo practicamente todas os investimentos importantes na costa, provocando unha fenda de desigualdade que afecta ás parroquias do interior”.

A implantación deste servizo suporía, ademais, un pulo importante para os taxistas de Sanxenxo, que, tal e como recorda o BNG, “sofren unha estacionalidade extrema e manteñen unh servio esencial durante os meses máis duros do inverno. Elas eles son peza clave para artellar un sistema de transporte a demanda que sexa eficiente, humano e económicamente sostíbel”. É por iso polo que a moción que vai defender o Bloque na sesión plenaria inclúe a creación dunha mesa de traballo co sector, para recoller as súas achegas e facilitar que se garante a sustentabilidade e a calidade na prestación do servizo a demanda. Precisamente, os nacionalistas xa mantiveron contactos con representantes do sector para trasladarlles esta idea.
“A inacción do Goberno municipal xa non pode xustificarse como unha falta de recursos, senón por unha evidente falta de prioridades políticas, algo que no BNG consideramos que debe cambiar para garantir que todas as veciñas e veciños de Sanxenxo poidan desprazarse de xeito digno e autónomo”, conclúen os nacionalistas.

Comparte este artigo