Sábado 18 ás 12.30 h. Campiño de Santa María
O BNG organiza o vindeiro sábado un acto político previo á celebración do 25 de xullo, Día da Patria Galega, que este ano ten como lema “Somos unha nación, soberanía e dereitos nun mundo en paz”.
O Día da Patria Galega é unha gran xornada de mobilización popular, de reafirmación nacional e de defensa das galegas e dos galegos, mais tamén unha expresión da vontade colectiva do pobo galego que non renuncia a ser dono do seu destino.
Nun contexto de ofensiva recentralizadadora no Estado, que na Galiza ten ao PP como principal valedor, que está a utilizar todas as ferramentas ao seu alcance para afondar na nosa dependencia política, económica e cultural. Unha dependencia que se reflicte claramente na intensificación do espolio dos nosos recursos naturais, na degradación do territorio e no ataque continuado á nosa lingua, polo que “é máis necesario ca nunca facerlle fronte a este modelo e defender con forza a nosa terra, os nosos sectores produtivos normalizar plenamente a nosa lingua en todos os ámbitos da vida”, declarou a responsábel local do BNG, Sabela Bará.
O BNG, como forza internacionalista, antiimperialista e pacifista, reafirma asímesmo o dereito de todos os pobos a decidiren libremente o seu destino e condea a escalada bélica promovida polos EEUU, Israel e a OTAN, e que ten no xenocidio do pobo palestino a súa expresión máis cruel e deshumanizada.
O acto contará coas intervencións da responsábel local do BNG, Sabela Bará e da senadora e membro da Executiva Nacional, Carme da Silva.

