O BNG reclama “máis forza” para que Galiza e A Estrada se escoiten en Madrid

Redacción

Marcos Borrageros, Ariadna Fernández e Marta Gómez participaron no acto central da campaña das eleccións xerais

O BNG da Estrada celebrou hoxe o acto central da campaña das eleccións xerais do 29 de novembro no MOME. Interviron o candidato á alcaldía, Marcos Borrageros, a deputada no Parlamento galego Ariadna Fernández e a candidata ao Senado, Marta Gómez. Os tres defenderon que o voto ao BNG é o voto útil para Galiza, para os dereitos sociais e para frear a dereita e a ultradereita.

A variante da N-640, no centro da intervención de Borrageros

Marcos Borrageros dedicou boa parte do discurso á N-640 e á situación que vive a vila. Cualificou de “insostible” a situación, con 13 atropelos e tres vítimas mortais nos últimos sete anos no seu paso pola Estrada, e lembrou “o perigo que supón a N-640 para a veciñanza que ten que cruzar a estrada para ir á farmacia, ás escolas e aos comercios”.

O candidato recordou que o BNG foi “o único partido que levou este problema de forma sistemática ao Congreso e ao Senado” e que en 2023 incluíu a variante no acordo de investidura de Pedro Sánchez. Cuestionou tamén o discurso do PP, que agora promete un “goberno amigo”: “Non gobernou antes? Non houbo oito anos de goberno de Rajoy-Feijoo-López Campos? Non era ese un goberno amigo?”, preguntou, e criticou que os deputados populares non levasen a cuestión a Madrid durante esta lexislatura. Do PSOE sinalou que, se non botou a andar a variante, foi “porque non quixo, porque tempo tivo”.

“Imaxinade agora se o BNG non tivese un deputado, senón catro. Só cunha voz forte de aquí, da casa, os de alá empezan a atender”, afirmou.

Borrageros ironizou co desembarco da dereita na campaña, en alusión á visita do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, á Estrada, e preguntou que sabe de Galiza “máis que mariscadas e iates”. Preguntou tamén se alguén sabe como se chaman os deputados galegos do PP e do PSOE en Madrid e que pediron para mellorar a vida da xente: “Só hai un equipo que atenda con seriedade a nosa axenda, e ese é o do BNG”.

O candidato situou en xogo na cita electoral as políticas que afectan á vida cotiá: a vivenda, a sanidade pública, as pensións, os salarios e a redución da xornada laboral. Reclamou un partido que non permita desafiuzamentos de xente que “traballou e pagou toda a súa vida” e que defenda a sanidade pública fronte a esperas de semanas en atención primaria e de meses para unha especialista.

Na despedida, chamou a votar “convencido” para que, “estea quen estea no goberno”, se vexa forzado a saber “que aquí hai un pobo que se chama A Estrada, que necesitamos unha variante e que merece respecto”. Rematou cun chamamento: “Votamos por máis dereitos, por unha vida digna, votamos por máis Galiza e agora votamos con máis forza”.

Marta Gómez: “O voto ao BNG ten un triplo valor”

A candidata ao Senado, Marta Gómez, defendeu que Galiza precisa voz propia e capacidade de decisión, e que fortalecer o nacionalismo galego é unha decisión útil para o conxunto do país. Explicou que o voto ao BNG é, ao mesmo tempo, garantía da defensa dos dereitos e dos intereses de Galiza, garantía de avances en dereitos sociais e garantía de freo á involución da dereita e da ultradereita, e que as tres cuestións “van da man”.

Sobre a defensa de Galiza, Gómez sostivo que reforzar a representación do BNG nas Cortes Xerais significa aumentar a capacidade do país para influír nas decisións que lle afectan: defender os recursos fronte ao espolio, reclamar un financiamento xusto e esixir políticas públicas que respondan ás necesidades reais do pobo galego. Reivindicou o dereito a vivir dignamente do traballo nos sectores produtivos básicos (pesqueiro e marisqueiro, agro-gandeiro, industrial, conserveiro, construción naval civil) sen inxerencias de Madrid ou de Bruxelas que limiten ou prohiban as producións galegas.

A candidata lembrou que esta defensa se demostra con feitos, e citou entre os logros da negociación do BNG en Madrid as rebaixas históricas nas tarifas da AP-9, melloras no ferrocarril, novos xulgados de violencia de xénero e unha quita da débeda de Galiza de 4.000 millóns de euros. Engadiu que a utilidade do BNG tamén se mide polas propostas que leva ao Congreso, mesmo cando non saen adiante, desde a redución da xornada laboral e a mellora das pensións mínimas ata a defensa da paz e o rexeitamento do gasto militar.

No eido social, Gómez afirmou que a defensa dos intereses nacionais está ligada á das clases populares e traballadoras: “Non pode haber un país con futuro se as súas maiorías sociais teñen dificultades para chegar a fin de mes, se a mocidade non pode emanciparse ou é expulsada do seu país, se acceder a unha vivenda se converte nun luxo ou se os servizos públicos perden capacidade”. Defendeu un modelo de país que sitúe as persoas por diante dos intereses económicos duns poucos e un BNG que “non se conforma con administrar os problemas, senón que traballa para mudar as condicións que os producen”.

Por último, sobre o avance da dereita e da ultradereita, Gómez sinalou que a resposta debe darse desde Galiza e desde unha posición propia: o BNG é quen mellor fai fronte ao PP en Galiza, e os seus deputados e deputadas contribúen a evitar un goberno agresivo e regresivo. “Nin retroceso ultra, nin máis do mesmo”, resumiu.

Comparte este artigo