A alcaldesa, Nava Castro, puxo de manifesto que hoxe é un día moi importante para Ponteareas, cun investimento en benestar, en calidade asistencial e no futuro do municipio
Hoxe a Xunta comunicou ao concello de Ponteareas a licitación, por un importe de 641.587,26 euros, da contratación dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra de construción do novo centro de saúde de Ponteareas.
Tras conocerse a noticia, a alcaldesa, Nava Castro, puxo de manifesto que “hoxe é un día moi importante para Ponteareas”. A licitación da redacción do proxecto e da dirección de obra do novo centro de saúde supón “un paso decisivo para facer realidade unha infraestrutura moi demandada polos nosos veciños e veciñas”.
A alcaldesa quixo agradecer á Xunta de Galicia e ao presidente Alfonso Rueda “o seu firme compromiso con Ponteareas e coa mellora da sanidade pública”. Desde o primeiro momento, o Concello actuou con lealdade institucional, poñendo á disposición do Servizo Galego de Saúde a parcela necesaria para axilizar este proxecto estratéxico.
Nava puntualizou que “falamos dun investimento de gran envergadura, cun edificio de máis de 5.700 metros cadrados e un investimento previsto de 8,6 millóns de euros”, que permitirá ofrecer unha atención sanitaria “moderna, accesible e adaptada ás necesidades actuais e futuras da nosa veciñanza”, engadiu.
O novo centro de saúde non só substituirá unhas instalacións que, despois de máis de trinta e cinco anos de servizo, xa quedaran pequenas, senón que permitirá incorporar novos servizos e mellorar a atención en medicina de familia, pediatría, saúde mental, fisioterapia, atención á muller, o Punto de Atención Continuada, a base do 061 e a Unidade de Condutas Aditivas, entre outros.
A alcaldesa amosou a súa “enorme satisfacción de comprobar como este proxecto continúa avanzando”. É unha noticia que mellorará a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas e que demostra que, “cando as administracións colaboran con responsabilidade e pensando no interese xeral, os proxectos fanse realidade”, apuntilla.
Desde o concello apuntan que seguirán traballando para que as vindeiras fases se desenvolvan coa maior axilidade posible e para que Ponteareas poida contar canto antes co centro de saúde moderno, accesible e de referencia que merece.
Hoxe Ponteareas “dá un paso firme cara á sanidade do futuro. Este novo centro de saúde é un investimento en benestar, en calidade asistencial e no futuro do noso municipio”, conclúe a alcaldesa.

