O Concello dá continuidade o 19 de setembro a unha cita que pon en valor o peso do Camiño Portugués cunha xornada de rutas, visitas guiadas, actividades e música
O Porriño, 15 de setembro de 2026.- O Porriño celebrará este sábado, 19 de setembro, unha nova edición da Festa do Peregrino e do Turista, unha iniciativa coa que o Concello dá continuidade á súa aposta por poñer en valor o papel estratéxico do municipio dentro do Camiño Portugués e promocionar a vila como un destino no que parar, coñecer o seu patrimonio e desfrutar da súa oferta turística e cultural.
A programación combinará natureza, patrimonio, turismo e lecer. A xornada arrancará ás 9.30 horas coa ruta “Un río, dous países, dez experiencias”, promovida no marco da AECT Río Minho, con saída desde o campo de fútbol do Rubal, en Picoña. Entre as 12.00 e as 14.00 horas, a Oficina de Turismo contará cun photocall de rúa.
Pola tarde desenvolveranse dúas visitas guiadas: a Ruta Antonio Palacios, ás 17.00 horas en castelán e ás 18.00 horas en inglés, e a Ruta do Louro, ás 17.00 horas. A programación completarase cun obradoiro de chapas personalizadas e pintacaras, de 17.00 a 20.00 horas na Praza do Concello, e coa actuación de Music Box Band, de 18.30 a 20.30 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
A Festa do Peregrino e do Turista consolídase así como unha cita que o Concello mantén ano tras ano para aproveitar e poñer en valor o enorme potencial que representa o paso do Camiño polo municipio. Só en 2025, o Camiño Portugués rexistrou 100.831 peregrinos, dos que 3.646 escolleron O Porriño como punto de inicio da súa peregrinación.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, salientou que “dar continuidade a esta festa significa recoñecer unha realidade que forma parte da identidade do Porriño. Somos Camiño de Santiago e lugar de paso para milleiros de persoas de todo o mundo, pero queremos ser tamén un lugar no que parar, descubrir, desfrutar e ao que querer regresar”.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, destacou que “o noso reto é que o peregrino non vexa O Porriño simplemente como un punto máis da etapa. Queremos que pare, que coñeza a obra de Antonio Palacios, o noso patrimonio e a nosa natureza, que desfrute da nosa gastronomía e do noso comercio e que leve consigo unha lembranza do Porriño”e conclúe
“Cada peregrino que atravesa as nosas rúas é tamén un potencial embaixador do Porriño en calquera lugar do mundo. Esta festa é tamén a nosa maneira de recibilos, agradecerlles que nos escollan e mostrarlles todo o que temos para ofrecer”.

