O concello da Guarda prohibe temporalmente o baño na praia de Armona e O Muíño por contaminación microbiolóxica

Redacción
  • A medida permanecerá vixente ata que a contraanálise confirme que a calidade da auga volve cumprir cos parámetros sanitarios establecidos para garantir un baño seguro

O Concello da Guarda informa da prohibición temporal do baño na praia da Armona e O Muíño tras recibir unha comunicación da Consellería de Sanidade na que se indica que a última mostra de auga recollida nestes areais presenta unha contaminación microbiolóxica que supera os límites establecidos para autorizar o baño.

Ante esta situación, e co obxectivo de garantir a seguridade e a saúde das persoas usuarias, o ente municipal procedeu á prohibición do baño nestas praias, medida que xa está en vigor dende hoxe, 5 de agosto, e ata novo aviso.


A restrición manterase ata que se coñezan os resultados da contraanálise e se confirme que a calidade da auga volve situarse dentro dos parámetros permitidos pola normativa vixente, permitindo así o baño en condicións de seguridade. 

O Concello da Guarda informará da evolución desta situación e comunicará o levantamento da prohibición tan pronto como a Consellería de Sanidade confirme que a calidade da auga é apta para o baño.

Comparte este artigo