- O alcalde, Roberto Carrero, deu a benvida aos tres menores e ás súas familias de acollida na Casa do Concello
- Karima, Mariam e Lehbib pasarán o verán na Guarda grazas ao programa solidario «Vacacións en Paz», impulsado por SOGAPS
O Concello da Guarda recibiu hoxe a Karima, Mariam e Lehbib, os tres nenos saharauís que pasarán os meses de verán con familias de acollida guardesas dentro do programa “Vacacións en Paz”, promovido pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).
No acto de benvida participaron o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, xunto con persoal técnico dos Servizos Sociais municipais, que quixeron darlles a benvida ás crianzas e agradecer o compromiso das familias que, un ano máis, participan nesta iniciativa solidaria.
Os tres menores chegaron a Galicia o pasado 6 de xullo e permanecerán na Guarda ata a primeira semana de setembro, momento no que regresarán aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís: Karima ao de Smara, Mariam ao de Aaiún e Lehbib ao de Bojador.
O programa “Vacacións en Paz” permite que nenos e nenas saharauís de entre 8 e 12 anos poidan pasar os meses de xullo e agosto con familias de acollida, afastándose das duras condicións de vida dos campamentos situados no deserto alxeriano, onde no verán as temperaturas poden superar os 50 graos.
Entre os principais obxectivos desta iniciativa atópanse facilitar o acceso a revisións e tratamentos médicos que non están dispoñibles nos campamentos, garantir unha alimentación equilibrada que contribúa á súa recuperación nutricional, favorecer a aprendizaxe do castelán e fortalecer os vínculos históricos e de solidariedade entre o pobo saharauí e o pobo español.
Karima participa este ano por cuarta vez consecutiva no programa na Guarda. A súa familia de acollida, encabezada por Sarai Vicente, leva nove anos colaborando con “Vacacións en Paz”. Segundo explica, “Karima xa está totalmente integrada, participa no campamento de verán e é unha máis. É unha nena encantadora”.
Sarai destaca tamén que, ademais de escapar das altas temperaturas do deserto, os menores poden acceder durante a súa estancia a revisións médicas, análises, atención oftalmolóxica e odontolóxica, así como a unha alimentación máis completa. Ademais, subliña que todas as familias participantes reciben formación previa e pasan un proceso de selección para coñecer a realidade que viven estes nenos e nenas.
Pola súa banda, María José Quintela e Ramón Joaquín Núñez acollen este verán por terceiro ano consecutivo a Mariam. Explican que coñecían previamente o programa e consideran que representa unha oportunidade para que os menores poidan acceder a servizos básicos de saúde e mellorar a súa calidade de vida durante os meses de verán. “Levamos anos participando porque pensamos que é unha experiencia moi enriquecedora tanto para eles como para as familias”, sinalan.
Lehbib pasa o seu segundo verán na Guarda coa familia formada por Lucía Fernández e Diego Gómez. Decidiron sumarse á iniciativa o ano pasado despois de coñecer outras familias participantes. Lucía lembra que inicialmente lle preocupaba a barreira idiomática, xa que o pequeno non falaba castelán, pero asegura que “ás dúas semanas xa se defendía perfectamente”. Este ano, explica, “xa está completamente integrado, é un neno moi aberto”.
Máis alá da estancia estival, “Vacacións en Paz” contribúe á creación de vínculos persoais e familiares que se manteñen no tempo mediante o contacto continuado e o apoio ás familias saharauís.
Dende o Concello da Guarda queremos destacar a implicación das familias de acollida, que fan posible que Karima, Mariam e Lehbib poidan desfrutar dun verán en mellores condicións, ao tempo que contribúen a reforzar os valores de solidariedade, cooperación e compromiso social que caracterizan este programa humanitario.

